As obras, cun investimento superior aos 250.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas e terán un prazo de execución de tres meses e medio
O Concello de Soutomaior vén de asinar a acta de replanteo das obras de reforma e instalación de tres novas pistas de pádel na Montesiña, un trámite que dá paso ao inicio dos traballos, previsto para as vindeiras semanas.
A actuación, adxudicada á empresa Suministros Integral del Agua S.L. por un importe superior aos 250.000 euros, conta cun prazo de execución de tres meses e medio e está financiada ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra.
O proxecto permitirá transformar a actual pista de tenis da Montesiña en tres novas pistas de pádel, dando resposta á crecente demanda existente no municipio e ampliando de maneira significativa a oferta de instalacións deportivas de Soutomaior.
Ademais da creación das novas pistas, a actuación contempla a ampliación da bancada lateral e da cuberta existente, adaptándoas ás novas dimensións da superficie deportiva. Tamén se executará unha nova bancada de formigón con asentos revestidos de madeira e realizaranse os correspondentes traballos de cerramento e adecuación do espazo.
O obxectivo é crear unhas instalacións máis modernas, cómodas, seguras e funcionais, mellorando tanto as condicións para a práctica deportiva como o aproveitamento dun dos principais complexos deportivos do municipio.
“Seguimos investindo para que Soutomaior conte con instalacións deportivas á altura das necesidades da veciñanza”. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destaca que a sinatura da acta de replanteo supón “un novo paso para facer realidade unha actuación moi demandada pola veciñanza e que permitirá seguir modernizando e ampliando as instalacións deportivas municipais”.
“Nos vindeiros días comezaremos a ver movemento na Montesiña e, en cuestión de semanas, darán comezo unhas obras que van transformar este espazo deportivo. O investimento supera os 250.000 euros e permitirá contar con tres novas pistas de pádel, pero tamén mellorar o conxunto do espazo e facelo máis cómodo e funcional”, sinala o alcalde.
Lourenzo subliña ademais que “desde o Concello queremos seguir apostando polo deporte como un servizo público fundamental, facilitando que persoas de todas as idades poidan practicar actividade física en boas condicións e preto das súas casas”.
“Soutomaior conta cunha importante actividade deportiva e queremos que as instalacións municipais medren ao mesmo ritmo que as necesidades da veciñanza. Esta actuación na Montesiña é unha mostra máis dese compromiso”, engade.
Máis espazos para practicar pádel
O complexo deportivo da Montesiña constitúe actualmente unha das principais zonas deportivas do municipio e conta con diferentes equipamentos, entre eles un pavillón polideportivo, vestiarios, pistas de tenis e pádel e unha pista descuberta de pickleball.
Unha vez rematados os traballos, a nova configuración permitirá incrementar de maneira significativa a capacidade para a práctica do pádel, así como facilitar a organización de adestramentos, actividades, torneos e competicións.
Con esta actuación, o Concello de Soutomaior continúa avanzando na mellora e modernización das infraestruturas deportivas municipais, ampliando a oferta de espazos destinados á actividade física e ao lecer deportivo para toda a veciñanza.

