Cesantes acolle a clausura do proxecto “Mariscando cociencias para o futuro” con danza e obradoiros

Redacción

– A iniciativa combina ciencia, arte, marisqueo e participación cidadá para deseñar un horizonte sostible para a Enseada de San Simón de cara ao ano 2040.  A alcaldesa, Digna Rivas, amosou o seu agradecemento a todas as partes implicadas, poñendo en valor o papel clave das mariscadoras que participaron no proxecto.

A praia de Cesantes acolle durante o día de hoxe a xornada de clausura do proxecto “MARISCANDO CONCIENCIAS PARA O FUTURO”. Unha cita aberta a toda a veciñanza que serve para pór o punto final a un ano de intenso traballo colectivo arredor do futuro do marisqueo e a sustentabilidade do noso litoral. O proxecto logrou crear un espazo común onde conflúen marisqueo, ciencia, implicación veciñal e creación artística. As accións centráronse na sensibilización sobre o lixo mariño e en achegar o coñecemento do oficio do mar ás novas xeracións, buscando deseñar estratexias protectoras para a Enseada de San Simón de cara ao ano 2040.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, quixo expresar hoxe o seu agradecemento a todas as persoas, colectivos e entidades que sumaron forzas nesta iniciativa, cun recoñecemento especial ao colectivo de mariscadoras, así como a​​ asociación Artelixo, Universidade de Vigo e centros de ensino de Redondela. A rexedora dirixiuse ao alumnado do CEIP de Reboreda, que participou na xornada, porque representan o futuro “e esta aprendizaxe no coidado da Enseada de San Simón é a mellor garantía para asegurar un mañá sostible”.

A xornada contou coa participación de Anneke Raskin, responsable do Programas de Arte Cidadá da Fundación Daniel y Nina Carasso, entidade que financiou este proxecto. Do mesmo xeito, interveu Ana González, da cooperativa Cidadanía, encargada de coordinar a estratexia ao longo destes meses. O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, tamén estivo presente apoiando a posta en común das conclusións acadadas polo proxecto.

Unha programación diversa e participativa

A xornada comezou ás 12:30 coa apertura da exposición do proxecto e pezas artísticas de Artelixo, para dar paso a “Á beira, ou como (re)situar o corpo na orilla”, unha peza de danza única nacida da convivencia directa entre as mariscadoras a pé de Redondela e bailarinas profesionais. Esta obra traduce en movemento a memoria, os corpos e os saberes do mar, e contará cun segundo pase ás 19:00 horas.

Pola tarde, ás 17:00 horas, o relatorio central do proxecto servirá para facer balance exhaustivo do traballo realizado e compartir as aprendizaxes e reflexións xurdidas nestes meses. Posteriormente, ás 18:00 horas, as familias poderán participar nun obradoiro creativo de pezas artísticas elaboradas con lixo mariño, deseñado para concienciar de xeito lúdico sobre o grave problema dos residuos no noso medio natural.

Comparte este artigo