Bergondo acolle este venres a proxección de ‘A casa da troya’, en homenaxe a Alejandro Pérez Lugín

Redacción

· O filme, de cine mudo e con música en directo, proxectarase ás 18 horas na Senra.

· É a primeira vez que se pode ver a película tras os exitosos actos do seu centenario celebrados en 2025 na Casa de Galicia en Madrid.

· A exhibición desta obra garda un incalculable valor histórico e sentimental para a comarca xa que Lugín converteu as paisaxes das Mariñas nun gran escenario de cine.

Este venres 9 de outubro, ás 18 horas na Senra, o Concello de Bergondo celebrará o evento cultural “Unha noite en Bergondo”, que terá como principal atractivo a proxección da emblemática película “A Casa da Troia”. Trátase dunha sesión especial de cine mudo que estará acompañada por música en directo.

Esta iniciativa forma parte dos actos de homenaxe que se están levando a cabo durante este 2026 para reivindicar e celebrar as figuras do autor Alejandro Pérez Lugín e da escritora Filomena Dato. Supón, ademais, un fito cultural salientable, xa que é a primeira vez que se proxecta a película tras os exitosos actos do seu centenario celebrados en 2025 na Casa de Galicia en Madrid.

A exhibición desta obra literaria e cinematográfica garda un incalculable valor histórico e sentimental para os veciños e veciñas da comarca. Xa en 1924, Alejandro Pérez Lugín converteu as paisaxes das Mariñas Coruñesas e as Terras do Mandeo nun gran escenario de cine. Por este motivo, a cita é de especial relevancia non só para a cidadanía de Bergondo, senón tamén para a doutros municipios veciños como Sada ou Culleredo, que poderán identificar na gran pantalla imaxes históricas das súas localidades.

A entrada é libre ata completar capacidade.

Comparte este artigo