A voceira do goberno municipal, Míriam Louzao, deu conta en rolda de prensa dos principais asuntos tratados en Xunta de Goberno, entre os que salientou tamén a aprobación de expedientes para aplicar a recarga do IBI a 16 vivendas baleiras de entidades bancarias, así como a construción dunha rotonda para mellorar a seguridade e o tráfico nas Fontiñas.
A Xunta de Goberno aprobou na sesión ordinaria celebrada este luns a proposta de ordenación da parcela OF-1 do SUNP-16 da Volta do Castro, situada na rúa de Ildefonso Sánchez Mera ao carón da residencia de persoas maiores, para a construción de 36 vivendas de promoción pública con cualificación permanente.
A portavoz municipal explicou que se trata dun predio cunha superficie de 1.214 m2 propiedade do Instituto Galego da Vivenda e o Solo (IGVS), que en 2006 adxudicou ao ente Portos de Galicia para a construción dun edificio no que situar os seus servizos administrativos. Como ese proxecto non chegou a executarse, o IGVS volveuna adquirir en 2025 por un valor de 836.850,00 euros.
A parcela está cualificada no plan parcial do SUNP-16 co uso de oficinas e ten atribuída unha edificabilidade máxima de 4.000 m2 en baixo e nove plantas, que se prevía nese documento nun único bloque de planta cadrada de 20×20 m cunha altura de 36 m. A proposta aprobada hoxe mantén este volume, mudando cara ao extremo sur a súa localización para separalo dos edificios próximos e xerar unha distancia entre bloques similar á existente no ámbito, ampliando a rede de espazos libres.
“A mudanza principal é o cambio de uso, que vén amparado polo artigo 52 da Lei 5/2025, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, segundo o cal os terreos cualificados no planeamento como usos dotacionais para equipamentos públicos ou terciarios de titularidade pública poden destinarse a vivendas protexidas ou aloxamentos compartidos promovidos por entidades do sector público autonómico sen necesidade de modificar o planeamento nin adoptar acordo plenario ningún”, indicou Míriam Louzao.
As vivendas protexidas que se constrúan nestes solos poderán destinarse ao réxime de alugueiro ou venda e os aloxamentos compartidos unicamente poderán destinarse ao alugueiro. En todos os supostos terán cualificación permanente.
Aínda con este incremento da capacidade residencial, o PXOM continúa superando amplamente os estándares mínimos establecidos na lexislación para espazos libre e zonas verdes e tamén para equipamentos. Con este aumento, o PXOM sitúase en 32 m2 de espazos libres e zonas verdes por cada 100 m2 construídos de vivenda, fronte aos 15 que esixe a lexislación, e en 15 m2 de equipamentos fronte ao mínimo de 5 que marca a lexislación.
Recarga do IBI en vivendas baleiras
A voceira municipal informou ademais de que a Xunta de Goberno deu conta esta mañá de varios decretos que inician novos expedientes para declarar como vivendas baleiras de carácter permanente 16 inmobles propiedade de entidades bancarias coa finalidade de aplicarlles a recarga correspondente na cota do IBI.
Xunto con outros tres expedientes previos, son 19 as vivendas coas que o Concello dá este paso. “Con isto seguimos traballando en todo no que desde as nosas competencias podemos facer mellorar para o acceso á vivenda en Compostela”, sinalou Míriam Louzao.
Nova glorieta nas Fontiñas
Tamén foi aprobado o expediente para contratar a construción dunha glorieta na intersección das rúas de Londres e de Lisboa, nas Fontiñas, cun orzamento base de licitación 140.000 € (IVE incluído) e tres meses de prazo de execución.
Míriam Louzao destacou que o proxecto mellorará a seguridade viaria e a fluidez da circulación. “Ante a necesidade de facilitar o xiro dos autobuses, cómpre remodelar as beirarrúas e adaptar os servizos co ámbito e o mobiliario urbano, nun cruzamento que conta con catro pasos de peóns para darlles continuidade aos itinerarios a pé por ambas as rúas e dous carrís bici que discorren pola rúa de Londres”, apuntou.
Incorpóranse os criterios de accesibilidade universal, en particular nos itinerarios peonís e pasaxes, que terán pavimentos podotáctiles, en continuidade dos percorridos e na eliminación de barreiras arquitectónicas.
Para mellorar a iluminación instalarase unha columna no interior da glorieta que compense os posibles déficits derivados do desprazamento das luminarias actuais que alumaban a calzada de xeito indirecto desde as beirarrúas.
Mellora da drenaxe no Cruceiro da Coruña
No tocante á contratación, a Xunta de Goberno autorizou ademais o expediente para licitar unha obra de mellora da drenaxe na avenida do Cruceiro da Coruña, cun prazo de execución de 2 meses e un orzamento base de licitación de 66.257,26 € (IVE incluído).
“O obxectivo é mellorar a evacuación superficial da auga no ámbito entre os números 185 e 191 da avenida, para o que é necesario reparar os elementos da rede existentes e reforzalos con outros novos que permitan recoller e xestionar as escorrentías”, detallou a voceira municipal, e engadiu que se reparará o desgaste da capa superficial da beiravía, remataranse os encontros coas parcelas lindantes, formalizando a zona de parada de autobuses e un paso de peóns e mellorando a sinalización da zona.
Os procedementos de contratación destas dúas obras resolveranse utilizando unicamente criterios de adxudicación avaliables mediante fórmulas matemáticas para favorecer a total obxectividade: o prezo, 80%; e como mellora, a ampliación do prazo de garantía, que pode alcanzar o 20% da puntuación.
Convenios
A Xunta de Goberno deu luz verde a dez convenios por un importe total de 441.000 euros coas seguintes entidades sociais: Federación Galega de Judo e Disciplinas Asociadas, dotado con 6.000 euros; Federación de Kárate e Disciplinas Asociadas, cunha contía de 5.000 euros; Obradoiro Club de Amigos do Baloncesto S.A.D, 120.000 euros; Sociedade Deportiva Compostela, 50.000 euros; Asociación ITÍNERA de Voluntarios en Saúde Mental, 15.000 euros; Asociación de Familiares e Persoas con enfermidade mental, 60.000 euros: Triatlon Santiago, 20.000 euros; Arteal de tenis de mesa, 12.000 euros; Xunta de Confrarías de Semana Santa, 3.000; e Asociación Área Empresarial do Tambre, 150.000 euros.
Licenzas
O goberno local concedeu ademais licenza para a rehabilitación dunha vivenda na rúa de Vista Alegre, 18; a reparación das fachadas e patios do edificio situado no número 6 da Costa Nova de Abaixo; a substitución de galerías exteriores e retellado na rúa da Angustia, 46; a reforma de fachada para aplicación de illamento na vivenda do nùmero 21 da rúa do Rosario; e a rehabilitación para dous apartamentos turísticos na rúa de San Lázaro, 19.
Premios Educacompostela
A Xunta de Goberno deulle o visto e prace á proposta de xurado para a XVII Edición dos Premios Educacompostela de recursos didácticos en prol da innovación, da calidade educativa e da renovación pedagóxica, que estará formado por Míriam Louzao, concelleira de Educación; Neves Arza, representante de Nova Escola Galega; Ana Rodríguez, representante de Nova Escola Galega; Sergio García, representante do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI); Ana Mª Guerra, representante da Asociación Galega de Editoras; María del Mar Sanjuán, representante do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC; Susana Papín, técnica do Departamento de Educación; e, como secretaria, Beatriz Varela, técnica do Departamento de Educación.

