O concello impulsa unha nova campaña informativa para fomentar o uso do contendor marrón de orgánicos

Redacción

Mañá retómanse as accións a pé de rúa, que se complementarán con obradoiros nos centros de ensino para o alumnado de primaria.

O Concello, co apoio da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, desenvolverá durante as próximas semanas unha nova campaña informativa sobre a quinta fracción da recollida selectiva de residuos sólidos urbanos co obxectivo de seguir fomentando o uso correcto do contedor marrón destinado a orgánicos que está implantado na Laracha, Paiosaco, Caión e a urbanización Monte Claro de Cabovilaño, así como incorporar novos fogares ao sistema.
A iniciativa consistirá na instalación de postos informativos itinerantes nos tres núcleos urbanos do municipio, puntos aos que a veciñanza poderá dirixirse para recibir asesoramento personalizado sobre o funcionamento da quinta fracción de orgánicos e aclarar dúbidas sobre que tipo de residuos deben depositarse no contedor marrón, contribuíndo así a mellorar a calidade da recollida e a reducir a presenza de impropios.
Ademais, as persoas interesadas en comezar a empregalo poderán darse de alta no programa municipal Ti tes a chave, recibindo no propio posto o material necesario de xeito gratuíto consistente na chave de acceso aos colectores, un cubo ventilado para o fogar e bolsas compostables. No momento actual xa hai preto de 800 familias dadas de alta.
Os postos informativos estarán operativos nas seguintes datas e localizacións:
• 6 de outubro: Praza do Concello (10:30 a 13:30 h e 15:30 a 18:30 h).
• 13 de outubro: Praza O Recreo da Laracha (15:30 a 18:30 h).
• 20 de outubro: Campo da feira de Paiosaco (15:30 a 18:30 h).
• 27 de outubro: Praza Eduardo Vila Fano de Caión (10:30 a 13:30 h e 15:30 a 18:30 h).

Estas accións de rúa complementaranse coa organización de obradoiros de reciclaxe que se van impartir durante as próximas semanas nos CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión nos que participará o alumnado de primaria.
Con esta campaña, o Concello continúa a apostar pola sensibilización ambiental e pola implicación activa da cidadanía como elementos clave para avanzar cara a unha xestión máis sostible dos residuos.
A iniciativa é cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

Comparte este artigo