Marga Caldas alerta da falta de planificación do goberno de Moldes, que encara o que falta do ano con varias bolsas orzamentarias
O BNG de Poio vén de denunciar que o goberno de Moldes volve estar en situación de falta de crédito para pagar facturas: a día de hoxe o Concello ten 409.895 euros en gastos aos que non pode facer fronte e varias bolsas orzamentarias xa esgotadas. A portavoz municipal do BNG, Marga Caldas, alerta de que esta situación repítese de maneira continuada e acusa o goberno do PP de falta de planificación e de ignorar de maneira continuada as advertencias do servizo municipal de Intervención.
A voceira explica que, segundo consta no informe de Intervención, o Concello tiña acumuladas facturas pendentes de aprobación por falta de crédito por un importe total de 838.815,44 euros. Desa cantidade, as modificacións orzamentarias aprobadas no Pleno do pasado martes permitiron dotar crédito para pagar 428.920,79 euros, deixando aínda arredor de 409.895 euros sen cobertura suficiente. Esas facturas están agora sometidas a reparo suspensivo de Intervención, o que significa que o seu pagamento queda paralizado porque hai cartos suficientes.
“Estamos ante unha situación que non é nova nin excepcional, senón ante unha forma de xestionar o Concello que se repite e que Intervención leva tempo advertindo”, sinala Caldas. A nacionalista considera que o goberno de Moldes “está a gastar primeiro e a buscar despois de onde sacar os cartos”, en lugar de planificar o gasto e garantir previamente que existe crédito suficiente.
A voceira do BNG salienta ademais que o problema non remata nas facturas que xa están pendentes agora mesmo, senón que o informe de Intervención advirte tamén de que varias bolsas orzamentarias “xa non teñen crédito suficiente” para facer fronte aos gastos previstos para o que queda de exercicio. “É dicir, o Concello non só ten máis de 400.000 euros pendentes de cubrir, senón que os propios servizos de fiscalización están avisando de que hai partidas que xa están esgotadas e que non permiten afrontar con normalidade os gastos dos próximos meses”, explica.
“Non é unha sorpresa, é a consecuencia dunha xestión sen planificación”, afirma Caldas, que lembra dende inicio de mandato os informes de control financeiro de Intervención advirten de numerosas deficiencias, reparos e incumprimentos da normativa de contratación e de execución do gasto. Así, a responsable do Bloque reclama ao alcalde que explique canto diñeiro queda realmente dispoñible nas distintas partidas, que gastos pretende afrontar ata final de ano e como pensa facerlles fronte.
“Non é serio dicir que as contas están ben xestionadas cando chegou a haber 838.815 euros en facturas pendentes por falta de cartos, cando só se conseguiu cubrir pouco máis da metade mediante modificacións e cando aínda quedan arredor de 410.000 euros en reparo suspensivo”, conclúe.
Cambio de criterio de Moldes
A portavoz do BNG considera especialmente revelador comparar a actual maneira de xestionar o Concello do goberno do PP co discurso mantido polo propio Ángel Moldes cando estaba na oposición. Caldas lembra que en 2013 o daquela portavoz do Partido Popular levou á Fiscalía supostas “anomalías en temas económicos e de contratación” do anterior goberno nacionalista.
“Agora que Moldes é o alcalde parece que cambiou completamente de criterio. O que antes lle parecía motivo suficiente para acudir á Fiscalía, esixir responsabilidades e falar de irregularidades, agora pretende normalizalo porque lle afecta a el”, critica Caldas, sinalando que “non pode pedir responsabilidades cando gobernan outros e mirar para outro lado cando é o seu goberno o que recibe os reparos de Intervención. Se antes consideraba gravísimo emitir facturas sen partida orzamentaria, hoxe debería aplicar exactamente o mesmo criterio ao seu propio goberno”.

