O programa municipal de formación artística regresa ao Auditorio de Goián con tres grupos para nenas, nenos e adolescentes de entre 4 e 18 anos
A Escola Municipal de Teatro de Tomiño pon en marcha un novo curso para seguir facendo do escenario un lugar no que aprender, crear, expresarse e compartir. Impulsada polo Concello de Tomiño e impartida por Migallas Teatro, a iniciativa desenvolverase todos os martes, de outubro de 2026 a xuño de 2027, no Auditorio de Goián.
O programa está pensado para acompañar as diferentes etapas da infancia e da adolescencia, con propostas adaptadas ás capacidades e intereses de cada idade. Así, a Escola contará con tres grupos: de 4 a 8 anos, de 8 a 12 e para adolescentes a partir dos 13 anos, cun máximo de 15 participantes en cada un deles.
Durante as sesións, o alumnado achegarase ao mundo do teatro a través do xogo, da interpretación, da expresión corporal e oral e da creación colectiva. Unha aprendizaxe artística que vai máis alá do puramente escénico e que permite traballar tamén a confianza, a imaxinación, a capacidade de comunicación, a escoita ou o traballo en equipo.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salienta que “queremos que a cultura forme parte da vida das nenas e nenos desde pequenos, non só como espectadores, senón tamén como protagonistas. O teatro dálles ferramentas para expresarse, para perder medos, para relacionarse e para crear xunto a outras persoas”.
Con esta nova edición, o Concello dá continuidade á súa aposta por ofrecer unha formación artística estable ao longo do curso, facilitando que a infancia e a mocidade teñan acceso no propio municipio a espazos nos que descubrir e desenvolver as súas inquietudes culturais.
Para máis información pódese contactar no 604 062 369.

