O PP de Ourense reclama “máis protección real para as mulleres e menos propaganda fronte aos erros do Goberno de Sánchez

Redacción

·        Luis Menor advirte de que “un Goberno pode equivocarse, pero o que non pode facer é eludir a responsabilidade de corrixir os seus erros cando está en xogo a seguridade das mulleres”

·        O acto, organizado pola Vicesecretaría de Igualdade do PP de Ourense que dirixe Elena Freijedo, puxo o foco nos erros lexislativos, nas incidencias das pulseiras telemáticas e na necesidade de reforzar a protección das vítimas

·        Sonia Ogando, Roberto González, Rosa Sánchez, Miguel Santalices e Ana Belén Vázquez abordaron as principais deficiencias na protección das mulleres, desde a lei do «só si é si» ata as dificultades de atención ás vítimas no medio rural

·        O presidente provincial reivindica unha protección efectiva tamén no rural ourensán e destaca as propostas de Alberto Núñez Feijóo para reforzar a seguridade das mulleres

O Partido Popular de Ourense reivindicou hoxe, con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a necesidade de garantir unha protección real e efectiva das vítimas, fronte aos erros lexislativos e ás deficiencias nos sistemas de seguridade e nas políticas desenvolvidas polo Goberno de Pedro Sánchez.

Baixo o lema “Máis protección para as mulleres. Os tráxicos erros do Goberno de Sánchez”, a Vicesecretaría de Igualdade do PP de Ourense, dirixida por Elena Freijedo, organizou un acto político na rúa do Paseo, xunto á carpa electoral do partido, coa participación de representantes da candidatura popular ás eleccións xerais do 29 de novembro.

O presidente provincial do PP, Luis Menor, encargado de pechar o encontro, defendeu que “a mellor maneira de demostrar o noso compromiso coas mulleres non é multiplicar os discursos, senón garantir que as institucións as protexan de verdade”. Neste sentido, advertiu de que “un Goberno pode equivocarse, pero non pode eludir a responsabilidade de corrixir os seus erros cando está en xogo a seguridade das mulleres”.

Menor reivindicou as propostas do programa electoral de Alberto Núñez Feijóo, entre elas garantir a fiabilidade das pulseiras telemáticas, reforzar os medios policiais e xudiciais, mellorar os mecanismos de avaliación do risco e a coordinación institucional, así como avaliar anualmente o cumprimento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

O presidente provincial tamén puxo o acento na protección das mulleres do rural ourensán, advertindo de que “non podemos permitir que a distancia a un servizo de atención se converta nunha distancia á seguridade”. “Ningunha muller debería ter que preguntarse se o sistema que debe protexela vai funcionar cando máis o necesite”, concluíu.

Os candidatos populares denuncian os erros do Goberno de Sánchez na protección das mulleres

O acto comezou coa benvida da portavoz do PP de Ourense, Ana Méndez, e continuou coa participación de distintos integrantes da candidatura popular, que abordaron as principais controversias na xestión do Goberno central en materia de protección das mulleres.

Sonia Ogando centrouse nas consecuencias da lei do “só si é si”, reclamando maior rigor na elaboración das normas destinadas a protexer as vítimas. Pola súa banda, Roberto Gonzáleza abordou as incidencias nas pulseiras telemáticas para o control dos agresores, insistindo na necesidade de garantir a súa fiabilidade e supervisión permanente.

Rosa Sánchez reclamou unha avaliación efectiva das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, mentres que Miguel Santalices puxo o acento na transparencia e no control dos fondos públicos destinados á prevención, atención e protección das mulleres.

Finalmente, a cabeza de lista ao Congreso, Ana Belén Vázquez, reivindicou unha atención específica ás mulleres do medio rural, defendendo que a dispersión territorial e as dificultades de acceso aos servizos non poden converterse en obstáculos para recibir protección.

Comparte este artigo