O PP reivindica a ampliación do polígono de San Cibrao das Viñas como exemplo de xestión para que Ourense gañe industria, riqueza e emprego

Redacción

·        Luis Menor defende que a ampliación impulsada pola Xunta permitirá ás empresas ourensás medrar na provincia e atraer novos investimentos industriais

·        Marta Nóvoa destaca que a urbanización de máis de 340.000 metros cadrados xa comexou e que varias empresas solicitaron solo para instalarse no polígono

·        María Jesús Lorenzana lembrou que a Xunta vai investir case 18 M€ nesta ampliación e o obxectivo é que os terreos estean a disposición das empresas no 2028

·        Luis Menor, Ana Belén Vázquez e María Jesús Lorenzana participan no mitin de Coles, nunha xornada que tamén incluiu un mitin na Ponte e intensa actividade de campaña en Ourense, Avión e O Barco de Valdeorras

O PP de Ourense reivindicou este luns a ampliación do polígono de San Cibrao das Viñas como exemplo da súa política de apoio á industria e á creación de emprego na provincia. O presidente provincial do partido, Luis Menor, participou na visita ás obras e na reunión co empresariado do polígono xunto á conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e á alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Nóvoa.

Menor salientou que dispoñer de solo industrial é decisivo para captar novos investimentos e para que as empresas que xa crean emprego na provincia poidan ampliar aquí a súa actividade. “Queremos que unha empresa que necesite medrar poida facelo en Ourense. E que quen busque un lugar para investir atope aquí solo, servizos e unha administración que facilite o proxecto”, afirmou.

O presidente provincial enmarcou a ampliación nas políticas de apoio ao tecido produtivo que o PP recolle no seu programa electoral. Ademais de ampliar a oferta de solo empresarial, destacou a importancia de apoiar as pequenas e medianas empresas na súa internacionalización, dixitalización e mellora da sustentabilidade. Menor vinculou tamén a proposta de presentar orzamentos cada ano coa estabilidade que precisan as empresas para programar os seus investimentos.

María Jesús Lorenzana, lembrou que a Xunta vai investir case 18 millóns de euros nesta ampliación e que o obxectivo é que os terreos estean a disposición das empresas no ano 2028. Ademais, tamén recordou que na provincia de Ourense, o Executivo autonómico ten en tramitación, urbanización ou execución preto de 3 millóns de m2 en polígonos industriais cun investimento de 126 M€.

Pola súa banda, Marta Nóvoa agradeceu a visita da conselleira e explicou que os traballos de urbanización, que abranguen máis de 340.000 metros cadrados, xa comezaron cos desbroces. A alcaldesa destacou que a ampliación ofrecerá parcelas de distintos tamaños e que varias empresas xa solicitaron solo para instalarse. Segundo indicou, coa actuación o polígono achegarase aos cinco millóns de metros cadrados de superficie total.

No encontro co empresariado, Menor referiuse tamén á estación ferroviaria de mercadorías, unha reivindicación histórica do sector. O presidente provincial reclamou ao Goberno de España financiamento e un calendario para unha infraestrutura que permitiría reducir os custos loxísticos das empresas de San Cibrao e das demais áreas industriais da contorna.

Chamamento desde Coles a mobilizar o voto o 29N

Nos salóns Cabú, en Vilarnaz, Luis Menor participou no mitin de Coles xunto á cabeza de lista do PP ao Congreso por Ourense, Ana Belén Vázquez, e á conselleira María Jesús Lorenzana. A seis días das eleccións, o presidente provincial pediu intensificar o contacto coa veciñanza. “Nada está gañado. Cada voto hai que buscalo porta a porta, conversa a conversa”, afirmou. Menor chamou a concentrar o voto no PP e defendeu que España precisa un Goberno con estabilidade para aprobar orzamentos e atender prioridades como a vivenda, o emprego, os servizos públicos e as infraestruturas.

Menor reivindicou para Ourense uns servizos, unhas comunicacións e un financiamento dignos e comprometeuse a manter esa esixencia cun Goberno de Feijóo. Tamén destacou o traballo da xestora local para recuperar a presenza do PP na vida municipal e construír unha alternativa de goberno en Coles de cara a 2027. “Ourense nunca lle fallou a Feijóo, e o 29 de novembro tampouco lle vai fallar”, concluíu.

Ana Belén Vázquez abriu a súa intervención cun chamamento a converter o resultado do debate en apoio nas urnas. “Gañamos o debate. Agora toca gañar as eleccións e gobernar”, afirmou. A cabeza de lista ao Congreso criticou as mensaxes do PSOE sobre as pensións e apelou a responder nas urnas. “Ao seu odio, responderemos con votos. Ao seu medo, con esperanza”, sinalou.

Vázquez reivindicou “un Goberno limpo e decente, con xestión e resultados” e expuxo algunhas das propostas do PP, entre elas a aprobación de orzamentos, a rebaixa de impostos, o impulso dun millón de vivendas, a protección das fronteiras e máis oportunidades para a mocidade. “Que ninguén cante vitoria. Hai que convencer a quen dubida. Non imos fallar”, rematou.

Mitin na Ponte e actividade de campaña en Ourense, Avión e Valdeorras

A xornada incluíu tamén un mitin na Asociación Veciñal da Ponte, na cidade de Ourense, coa participación de Marta Nóvoa, Roberto González, Rosa Sánchez, Ana Méndez e Noelia Pérez. Na capital, o PP programou dúas mesas informativas na rúa do Paseo, diante da Subdelegación de Defensa, e un percorrido polo centro da cidade, polas rúas Valle Inclán e Celso Emilio Ferreiro.

A axenda na cidade incluíu a visita de Miguel Ángel Santalices ao mercado de ASPANAS no centro comercial Ponte Vella, un percorrido de Belén Iglesias pola Follateira e outro de Rosa Sánchez por Reza, onde tamén estaba prevista unha visita á asociación veciñal. Roberto González tivo na súa axenda dúas reunións con entidades deportivas, co Ourense CF no campo de Oira e coa Federación Galega de Atletismo no Couto.

En Avión, Ana Belén Vázquez percorreu a feira. No Barco de Valdeorras, Gabriel Alén visitou os comercios locais e a axenda da tarde incluíu unha reunión de Jose González co empresariado.

Comparte este artigo