O centro de atención diúrna de COGAMI en Monteporreiro mellora equipamentos e transporte adaptado cos fondos da X Solidaria

Redacción

As axudas recibidas a través do 0,7 % do IRPF, que distribúe a Xunta de Galicia tras seren recadadas a través das persoas que marcaron o recadro 106 de Actividades de Interese Xeral cando realizaron a declaración da renda, permitiron a COGAMI incorporar novos equipamentos e reforzar servizos que contribúen a mellorar a atención e o día a día das persoas participantes nos seus centros.

Entre as adquisicións realizadas atópase unha cadeira de rodas eléctrica, destinada a facilitar os desprazamentos de longa distancia das persoas que precisan apoio por parte do persoal do centro. Este equipamento permite mellorar a mobilidade e favorecer unha maior comodidade nos percorridos.

Os fondos tamén posibilitaron a adquisición dun filtro para a impresora láser de coiro, que contribúe a mellorar as condicións ambientais do espazo de traballo. Ademais, incorporáronse novas cadeiras de oficina para as persoas traballadoras, renovando parte do equipamento do centro.

Outra das actuacións financiadas a través das axudas do IRPF foi a contratación dun condutor para o servizo de transporte adaptado, un recurso fundamental para facilitar os desprazamentos das persoas participantes e garantir o acceso aos servizos dos centros.

Estas melloras permiten a COGAMI reforzar os apoios que presta ás persoas con discapacidade, mellorar os equipamentos e favorecer unhas condicións máis axeitadas tanto para as persoas participantes como para o persoal dos seus centros.

Comparte este artigo