O Pazo dos Deportes Paco Paz acolle un simulacro de emerxencia para reforzar a seguridade das instalacións

Redacción

O Pazo dos Deportes Paco Paz da Deputación de Ourense acolleu hoxe un simulacro de emerxencia, no marco das medidas previstas para a implantación do Plan de Autoprotección desta instalación deportiva provincial.

A xornada comezou con dúas sesións formativas dirixidas ao persoal do centro que forma parte dos equipos de evacuación. Posteriormente, desenvolveuse un exercicio práctico de evacuación no que participaron tanto os traballadores da instalación como os usuarios das distintas actividades deportivas, ademais do persoal de clubs e empresas externas presentes no recinto.

O simulacro, coordinado polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Deputación, tivo como finalidade comprobar os procedementos de actuación ante unha posible emerxencia e familiarizar o persoal e os usuarios coas medidas de seguridade e evacuación.

Esta actuación forma parte da programación de exercicios de autoprotección nos edificios provinciais, que continuará o vindeiro 13 de outubro cun simulacro no Teatro Principal de Ourense.

Comparte este artigo