A Xunta de Goberno Local aprobou 21 acordos na súa sesión ordinaria desta semana

Redacción

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou 21 acordos na súa sesión ordinaria desta semana, que tivo lugar ao mediodía de hoxe no salón de plenos.

Licenzas (5). Concedeu as licenzas de obras para os proxectos de acondicionamento de tres edificios (na praza da Lexión e nas rúas Vicente Risco e Doutor Fleming); para a instalación dun ascensor nun inmoble na avenida de Bos Aires e para a rehabilitación de edificacións existentes destinadas a vivenda unifamiliar no lugar de Quintela de Velle.

Disciplina (1). Recoñeceu unha obriga a favor dun xulgado de Ourense polo pagamento de custas procesuais derivadas dun procedemento ordinario.

Patrimonio (3). Analizou tres expedientes de recuperación de danos causados por vehículos en bens de titularidade municipal: un deles arquívase e nos outros requírese a dúas compañías aseguradoras para que indemnicen o Concello polos danos ocasionados nun sinal na rúa Noriega Varela e nunha varanda en Marcelo Macías.

Servizo de Contratación (1). Convalidou o gasto comprometido para o contrato de subministracións e servizos para a implantación dos sistemas de monitorización da calidade do aire e do ruído da Zona de Baixas Emisións Ourense Centro.

Avogacía Consistorial (11). Deu conta dunha sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de tres do Tribunal de Instancia da Sección do Contencioso-Administrativo (praza número 2 de Ourense), outra da praza número 1 de Vigo, outra do Tribunal de Instancia da Sección do Penal (praza número 2 de Ourense), así como dun auto da praza número 1 de Ourense e dunha providencia do Tribunal Supremo. Así mesmo, foi informada de que o Concello comparecerá en tres procedementos (dous abreviados e un ordinario) diante do Tribunal de Instancia da Sección do Contencioso-Administrativo (praza número 1 de Ourense).

Comparte este artigo