– A reunión permitiu analizar a organización do servizo e as necesidades básicas de carácter administrativo e operativo da entidade supramunicipal
– As propostas da representación sindical serán agora valoradas pola Deputación de Lugo para determinar o seu posible alcance no marco organizativo, competencial e orzamentario
A Comisión Executiva e a Mesa Xeral de Negociación do Consorcio Provincial de Lugo para a prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento reuníronse este xoves no Pazo de San Marcos para abordar cuestións relacionadas coa organización e o funcionamento do servizo.
O Consorcio presta actualmente o servizo a través dos parques de Barreiros, Vilalba, Sarria, Monforte de Lemos, Viveiro e Chantada, desde os que se organiza a atención ás emerxencias nos distintos ámbitos territoriais da provincia. Neste momento conta con 120 efectivos, aos que se sumarán 37 nos próximos meses, como resultado dos procesos selectivos que están en marcha para cubrir 11 vacantes e cubrir 26 prazas novas.
Durante a reunión, a representación social trasladou distintas propostas vinculadas á estrutura administrativa e operativa do Consorcio e á organización dos seus recursos humanos. Desde a representación da Deputación de Lugo trasladouse a coincidencia na necesidade de que o Consorcio dispoña dunha estrutura administrativa e operativa básica, adecuada ás necesidades de funcionamento do servizo, e que permita desenvolver correctamente as funcións de organización, coordinación e xestión.
Neste sentido, a Deputación de Lugo está a valorar as necesidades existentes e o alcance das posibles medidas, dentro do marco competencial, organizativo e orzamentario correspondente, co obxectivo de continuar avanzando na configuración da estrutura do Consorcio.
A reunión permite, deste xeito, continuar o diálogo entre a Administración e a representación dos traballadores e traballadoras sobre a organización do Consorcio e coñecer de primeira man as necesidades que formula a parte social.
Na sesión participaron a presidenta da Comisión Executiva e representante da Deputación de Lugo no Consorcio, Pilar García Porto; a xerente do Consorcio, Julia Vázquez Silvarrey; o secretario, José Mourelle Cillero; o subdirector xeral de Seguridade e Coordinación da Xunta de Galicia, Andrés Iglesias López; e o secretario xeral da Xunta de Galicia en Lugo, Alejandro Fontela Pereira, na Mesa Xeral de Negociación.
As probas físicas para 37 prazas serán a vindeira semana
A Deputación de Lugo ten en marcha neste momento o proceso selectivo para incorporar 37 bombeiros máis ao Consorcio. Serán catro para cada un dos parques, agás para os de Vilalba e Monforte, onde se incorporarán cinco traballadores.
O primeiro exercicio teórico celebrouse en setembro e a vindeira semana, os días 14 e 15, desenvolveranse as probas físicas nas pistas deportivas de Monforte. Chegaron a esta fase da oposición 172 persoas das algo máis de dúas centas que participaron no primeiro exame.
O incremento de efectivos foi un dos acordos que o Consorcio e a representación sindical firmaron en decembro do ano pasado para reforzar o cadro de persoal e mellorar as instalacións e os equipamentos. Neste momento estanse levando a cabo obras en todos os parques e antes de fin de ano os traballadores recibirán nova roupa de traballo, de intervención e de entreno.

