Marga Caldas defende que a parcela adquirida polo anterior goberno “é perfectamente viable” e acusa o alcalde de non traballar polo desenvolvemento e conectividade da zona
O BNG de Poio instou hoxe ao alcalde Ángel Moldes a actuar “dunha vez” para desbloquear a construción do novo centro de saúde e reclama que acondicione os terreos da Graña para que cumpran os requisitos esixidos pola Xunta ou que busque de maneira inmediata unha alternativa viable. A voceira municipal nacionalista Marga Caldas considera que as recentes declaracións do conselleiro de Sanidade Antonio Gómez Caamaño deixan claro que a Xunta non considera apta a parcela nas condicións actuais, mais non por un problema dos propios terreos da Graña, “senón pola falta de xestión de Moldes para resolver as melloras que precisa o ámbito en canto á súa conectividade e accesos”.
Caldas subliña que a parcela da Graña é perfectamente viable para acoller o novo centro de saúde. Porén, destaca que se faltan servizos, accesos ou determinadas condicións urbanísticas, “o que tiña que ter feito o alcalde é xestionalos e resolvelos”. O BNG lembra que sempre defendeu que a construción do novo centro de saúde nese ámbito debía ir acompañada dunha actuación integral sobre as comunicacións da zona, converténdoa nun novo núcleo de centralidade. “Nunca presentamos o centro de saúde como algo illado. Desde o primeiro momento puxemos enriba da mesa a necesidade de mellorar os accesos a Campelo e a conectividade do ámbito”, explica Caldas.
Neste sentido, o Bloque lembra que propuxo explorar posibles convenios coa Axencia Galega de Infraestruturas para abordar as conexións viarias coa PO-308 e mellorar a accesibilidade da zona. “Hai fórmulas para resolver os problemas de accesibilidade e o BNG xa puxo enriba da mesa a posibilidade de colaborar coa AXI. O que falta é que Moldes faga as xestións, negocie e poña enriba da mesa unha proposta concreta”, afirma a voceira nacionalista.
Caldas lembra que desde 2023 o alcalde tampouco avanzou no desenvolvemento do Plan Especial necesario para ordenar o ámbito, onde se prevía construír tamén un novo pavillón e un auditorio. “Moldes leva anos buscando os problemas da Graña en lugar de buscar solucións”, insiste. Para o BNG, o peor escenario é o que se está a dar: que as condicións esixidas pola Xunta para o centro de saúde están a converterse nunha nova escusa para deixar o proxecto no caixón. “O conselleiro acaba de dicir que a Xunta impulsará o proxecto cando dispoña dos terreos axeitados. Pois ben, agora Moldes xa non pode dicir que non sabe que ten que facer. Ten que acondicionar a Graña ou buscar outra parcela viable”, sinala Caldas.
Sen embargo, a portavoz nacionalista considera especialmente preocupante esta situación pola falta de iniciativa demostrada polo alcalde. “Na última reunión mantida con Rueda, o novo centro de saúde nin sequera foi mencionado como unha prioridade. Se Moldes non leva esta demanda diante do presidente da Xunta, dificilmente podemos confiar en que vaia facer agora o traballo necesario para desbloqueala”, denuncia. “Poio non pode quedar atrapado nunha discusión sobre unha parcela mentres a veciñanza segue esperando por unha infraestrutura sanitaria que precisa.”, afirma Caldas.
O novo modelo de axendas debe ir acompañado de máis persoal
O BNG relaciona a necesidade de contar cun novo centro de saúde coa situación actual da Atención Primaria no municipio. Tal e como se coñeceu onte, o centro de saúde de Anafáns será un dos 14 centros galegos nos que a Xunta probará dende a vindeira semana o novo modelo de axendas previsto no Plan de reforma da Atención Primaria 2026-2030, que establece un máximo de 30 consultas diarias para Medicina de Familia e de 25 para Pediatría.
Caldas agarda que a aplicación deste novo modelo vaia acompañada dun reforzo efectivo dos cadros de persoal médico e de enfermaría. “Limitar o número de consultas por profesional só terá sentido se hai persoal suficiente para atender toda a demanda. Se non se reforzan os equipos, o resultado pode ser simplemente máis espera para a veciñanza”, advirte.
“Non podemos permitir que a falta de profesionais se converta nunha lista de espera encuberta. Se hai menos consultas por médico, ten que haber máis médicos, máis pediatras e máis persoal de enfermaría”, reclama. “Poio necesita unha Atención Primaria con medios e un novo centro de saúde. Son dúas cuestións inseparables. A Xunta ten que poñer recursos e o Concello ten que facer o seu traballo para que o proxecto poida avanzar”, afirma Caldas.
A voceira do BNG considera que “a situación da saúde pública en Poio é crítica” e reclama tanto ao Goberno galego como ao executivo local que actúen. “Non podemos seguir falando de intencións. Queremos unha parcela viable, un proxecto, prazos e compromisos. E queremos tamén persoal suficiente para que a veciñanza poida ser atendida sen ter que agardar semanas”, conclúe.

