A Xunta reitera que o atraso do Goberno Cental no envío dos datos sobre o estado do loba a Bruxelas dificulta a avaliación da situación desta especie

Redacción

Marisol Díaz lembra que transcorreron máis de tres meses desde que a Conferencia Sectorial de Medio Ambiente aprobou o informe sexenal que debería remitirse á Comisión Europea en xullo de 2025

A Xunta de Galicia reiterou hoxe na Comisión Estatal de Patrimonio Natural que o atraso por parte do Goberno central no envío a Bruxelas dos datos sobre o estado do lobo relativos ao período 2019-2024 está dificultando a avaliación da situación desta especie e do resto de hábitats e taxóns protexidos pola normativa comunitaria.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, destacou que transcorreron máis de tres meses desde que a Conferencia Sectorial de Medio Ambiente aprobou co voto da maior parte das comunidades o informe sexenal sobre o lobo ibérico que debería remitirse á Comisión Europea en xullo de 2025.

Cómpre lembrar que Galicia remitiu en tempo e forma os datos correspondentes tanto ao lobo como ao resto de taxóns e hábitats presentes na Comunidade e suxeitos tamén á Directiva Hábitats europeas, pero o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miterd) leva meses pospoñendo unilateralmente a remisión da información acordada.

A representante da Consellería de Medio Ambiente aproveitou esta Comisión Estatal para preguntar por esta situación, que tildou de insostible. Neste sentido, criticou que se siga insistindo nas obxeccións e esixiu que se desbloquee canto antes a situación actual remitindo canto antes ás autoridades europeas a información relativa ao lobo e ao resto de especies correspondentes ao período 2019-2024.

Ademais, incidiu en que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico ten aínda pendente de transferir a Galicia arredor de 12 millóns de euros que corresponden ás partidas das anualidades 2022, 2023 e 2025 destinadas a axudar ás explotacións gandeiras e adoptar medidas preventivas fronte ao lobo e paliar os posibles danos.

Comparte este artigo