— Nicolás Vázquez Iglesias explica que Augas de Galicia está a desenvolver un programa de sensibilización, divulgación e sinalización co obxectivo de que a cidadanía coñeza o territorio no que vive e saiba identificar os riscos aos que pode estar exposta
— Subliña que os paneis informativos instalados nas áreas de risco cumpren unha función esencial ao advertir, informar e explicar o comportamento das inundacións e trasladar recomendacións desde o punto de vista preventivo e de autoprotección
— Aposta por dispoñer de información cada vez máis precisa para adoptar decisións e orientar os recursos públicos cara ás actuacións que máis contribúan a reducir o risco
— Incide en que a seguridade fronte ás inundacións é unha responsabilidade compartida que require colaboración, coñecemento técnico e compromiso institucional
O conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, sinalou hoxe que a Xunta de Galicia avoga pola planificación e a concienciación social como pezas clave para afrontar o risco de inundacións e reducir as súas consecuencias.
Durante a súa intervención na xornada sobre O plan de xestión do risco de inundación da Demarcación Galicia-Costa, o conselleiro incidiu en que nun contexto de cambio climático, no que os fenómenos adversos extremos como a seca e as inundacións son cada vez máis frecuentes, cómpre afrontar esta situación con planificación, prevención, información e actuacións concretas sobre o territorio.
Nese senso, a Xunta, a través de Augas de Galicia, está a desenvolver un programa de concienciación, divulgación e sinalización do risco de inundación nas concas da súa competencia. O obxectivo é que a cidadanía coñeza o territorio no que vive e saiba identificar os riscos aos que pode estar exposta.
En concreto, estanse a instalar paneis informativos naquelas contornas nas que pode producirse un asolagamento porque “a información tamén é unha ferramenta de protección”. Así, os paneis cumpren unha función esencial ao advertir, informar e explicar o comportamento das inundacións e trasladar recomendacións desde o punto de vista da prevención e da autoprotección.
Ademais, tamén se levan a cabo actividades divulgativas e obradoiros educativos en centros de ensino porque, tal e como sinalou Nicolás Vázquez, a “cultura da prevención” debe formar parte da educación ambiental e da conciencia colectiva da cidadanía. “Os máis novos poden transmitir ao resto da súa familia o coñecemento adquirido sobre estas cuestións”, engadiu.
O conselleiro afondou en que tanto os paneis como as accións de concienciación pretenden, ademais de advertir dun risco potencial, incorporar a prevención á vida cotiá das persoas porque a información previa pode marcar unha diferencia decisiva á hora de reaccionar ante unha posible enchente.
Plan de xestión
A maiores, desde o punto de vista da planificación Augas de Galicia traballa xa na elaboración do plan de xestión para o período 2028-2033, que identifica e actualiza as áreas de risco potencial significativo de inundación de carácter fluvial. O obxectivo é “dispoñer de información cada vez máis precisa para adoptar as decisións máis eficaces e orientar os recursos públicos cara ás actuacións que máis contribúan a reducir o risco”, explicou Vázquez Iglesias.
Nesa liña, o conselleiro apostou por unha política integral de prevención, que combine actuacións de conservación fluvial para garantir o bo funcionamento dos ríos; accións de protección que permiten intervir nos puntos nos que haxa riscos relevantes para a poboación; traballos de cartografía para coñecer mellor o territorio e evitar que se incrementen situacións de vulnerabilidade; e a coordinación cos servizos de emerxencia para preparar unha resposta eficaz.
Para concluír, Nicolás Vázquez incidiu en que a seguridade fronte ás inundacións é unha “responsabilidade compartida” que require colaboración, coñecemento técnico e compromiso institucional. En determinadas circunstancias non se pode evitar o desbordamento dun río, pero si podemos evitar que o descoñecemento ou a falta de preparación incrementen as consecuencias dunha inundación.

