A Xunta incide na importancia das rexións de fronteira para a integración europea

Redacción

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou no foro ‘Estratexias para a Cooperación: das Rexións a Europa’, organizado en Vigo pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para reflexionar sobre o futuro da cooperación territorial e os retos da política de cohesión europea

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou hoxe en Vigo no foro Estratexias para a Cooperación: das Rexións a Europa, organizado pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal e que se prolonga ata mañá martes. Na súa intervención, Gamallo insistiu na importancia das rexións de fronteira para a integración europea, xa que son espazos con vínculos históricos e culturais, así como con intereses compartidos que se traducen en oportunidades de cooperación e contribúen a unha Europa máis integrada.

Segundo sinalou, nun contexto de preparación do próximo período de programación dos fondos europeos, é especialmente relevante a gobernanza territorial e a participación na definición das prioridades estratéxicas. O obxectivo último, apuntou, é achegar as decisións e as políticas europeas aos territorios, poñendo en valor a cooperación como instrumento de desenvolvemento, competitividade e cohesión.

Coa organización do foro Estratexias para a Cooperación: das Rexións a Europa a AECT da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal pretende contribuír a unha reflexión conxunta sobre o futuro da cooperación territorial europea, reforzando o diálogo entre rexións e institucións e reivindicando o papel dos territorios fronteirizos como espazos estratéxicos para a construción dunha Europa máis cohesionada, competitiva e próxima á cidadanía.

O futuro da cooperación territorial europea, o próximo Marco Financeiro Plurianual e as estratexias para reforzar a cohesión e o atractivo dos territorios son os eixes fundamentais do encontro, que pretende consolidarse como un espazo de reflexión e diálogo entre institucións europeas, administracións rexionais e locais e estruturas de cooperación territorial, promovendo o intercambio de experiencias e a identificación de respostas conxuntas aos retos que afrontan as rexións europeas.

Comparte este artigo