A Volta dos Pinchos regresa a Mos: quince bares e pestiscos a 2 euros os xoves, venres e sábados de outubro

Redacción

O Concello de Mos e a Asociación de Hostalería e Turismo de Mos (BaRes Mos) presentan a segunda edición da ruta de pinchos do municipio

Celebrarase os xoves, venres e sábados do 9 ao 31 de outubro, con quince establecementos participantes, unha imaxe inspirada na mítica Ruta 66 e un “tapaporte” con premios para o público

O Concello de Mos, a través da Concellería de Participación Cidadá e a Asociación de Hostalería e Turismo de Mos (BaRes Mos) impulsan conxuntamente a segunda edición de A Volta dos Pinchos. A iniciativa aposta pola hostalería local como motor de dinamización económica e de vida nas parroquias. A ruta invita a veciños e visitantes a descubrir os bares e restaurantes do municipio a través dun pincho elaborado especialmente para a ocasión por cada establecemento participante.

A ruta comeza o venres 9 de outubro coa súa inauguración oficial e desenvolverase os xoves, venres e sábados ata o 31 de outubro. Cada local ofrecerá o seu pincho a un prezo de 2 euros.

A ruta deu comezo cun acto de inauguración oficial esta tarde en Gastro Cultural Anglee, a cafetería do Centro Cultural de Guizán, que é ademais un dos establecementos participantes.

Quince establecementos participantes

Os locais que se suman a esta edición son:  Gastro Cultural Anglee, Café Bar Os Castros, Bar Restaurante Curuxeira, Hamburguesería Carletto, Mesón Argentino, Tapería Baxiña, Café Bar Faquiña, Restaurante Ta-Para, El Rincón de Desi, Cantina As Pedriñas, Bar Maceira, Tapería de Pé, Asador Edan, Tapería Flora, Casa Veiga.

Mos, bar a bar: rumbo á Ruta 66

Baixo o lema “Mos, bar a bar”, a imaxe desta edición inspírase no imaxinario da Ruta 66 e trasládao a Mos, convertendo o municipio nun percorrido por etapas. Como a hostalería está repartida entre as parroquias, a ruta organízase por zonas que poden visitarse nunha mesma xornada, de modo que a actividade abranga todo o termo municipal.

A organización apela ao consumo responsable e recomenda designar un condutor que non consuma alcohol durante o percorrido.

O “tapaporte”: catro selos para participar

Para participar, o público contará co tapaporte, que se selará en cada establecemento visitado. Con só catro selos poderase optar ao sorteo de premios, unha maneira de facilitar a participación e animar a máis persoas a sumarse á ruta.

Os premios estarán relacionados coa propia ruta. As persoas que completen o tapaporte cos catro selos necesarios poderán participar no sorteo dunha tarde de karting, vales de gasolina e vales para gastar nos restaurantes participantes. Ademais, por cada consumición, os establecementos entregarán agasallos directos, como bolígrafos, chaveiros e chisqueiros, así como participacións co «Sigue buscando».

Toda a información sobre a ruta e os pinchos de cada establecemento poderase seguir a través das canles de comunicación do Concello de Mos e da Asociación de Hostalería e Turismo de Mos (BaRes Mos).

Comparte este artigo