O BNG, o PSOE e Móvete presentan unha moción conxunta para que o goberno municipal cumpra a Lei de Memoria Democrática na Estrada

Redacción


A iniciativa propón retirar do rueiro as referencias franquistas, crear a “Rúa dos Mártires da Estrada” e declarar o 5 de xuño como Día da Memoria do concello

Os grupos municipais do BNG, do PSOE e de Móvete rexistraron unha moción conxunta para o seu debate e aprobación no Pleno do Concello da Estrada, co obxectivo de dar cumprimento á Lei 20/2022, de 19 de outubro, de Memoria Democrática, e de dignificar as vítimas do franquismo. A iniciativa chega 90 anos despois do golpe militar fascista contra a legalidade democrática da II República, e parte da constatación de que o concello mantén aínda “débedas pendentes coa xustiza, a verdade e a reparación”.

Retirada da simboloxía franquista do rueiro

A moción denuncia que o rueiro estradense segue a conservar referencias que fan apoloxía do golpe e do réxime. Por unha banda, a rúa principal da vila, dedicada a José Calvo Sotelo, figura que a ditadura converteu en “protomártir da Cruzada” e utilizou como elemento central da súa propaganda e da lexitimación da represión. Os grupos sosteñen que o seu nome encaixa na definición de elementos contrarios á memoria democrática que recolle o artigo 35.1 da Lei 20/2022.

Pola outra, a rúa dedicada ao IRYDA (Instituto Nacional de Reforma y Desarrollo Agrario), un organismo propio do Estado franquista. Os grupos consideran que xustificar esta homenaxe polas concentracións parcelarias ou as infraestruturas executadas responde a unha visión paternalista e clientelar, e que “unha democracia non pode homenaxear a burocracia dunha ditadura”. Manter isto incumpre, ademais, o artigo 35.2 da lei.

Por iso, propoñen retirar ambas as denominacións no prazo máis breve posible.

A “Rúa dos Mártires da Estrada”: cumprir o encargo de 1937

A moción propón que unha das vías máis importantes da vila, preferiblemente a actual rúa principal, pase a chamarse “Rúa dos Mártires da Estrada”. Trátase, din, de materializar a derradeira vontade dos membros da corporación municipal leais á legalidade republicana que foron fusilados o 5 de xuño de 1937, que deixaron como encargo á seguinte corporación democrática que unha rúa importante levase esa denominación. Os grupos subliñan que este acto de reparación se ampara nos artigos 30 e 48.2 da Lei 20/2022, que recoñecen o dereito das vítimas á reparación integral e obrigan a realizar actos de homenaxe e recoñecemento público.

Homenaxe franquista na fachada da igrexa parroquial

A iniciativa tamén aborda a homenaxe aos mortos do bando franquista que se mantén na fachada da igrexa parroquial. Segundo o artigo 35.5 da lei, os elementos situados en edificios relixiosos con proxección a un espazo público deben ser retirados polas institucións titulares. A moción propón instar oficialmente á parroquia e á diocese á súa retirada inmediata e, de non producirse de xeito voluntario, incoar o procedemento administrativo previsto no artigo 37, que contempla a execución subsidiaria e as multas coercitivas.

Día da Memoria da Estrada e protección da Ponte do Regueiro

Por último, a moción propón declarar o 5 de xuño como “Día da Memoria da Estrada”, con especial homenaxe ao alcalde lexítimo, Jesús Puente Fontanes, e aos demais concelleiros e veciños fusilados ese mesmo día de 1937. Así mesmo, o Concello garantiría, conforme ao artigo 52 da lei, a perdurabilidade, identificación e sinalización adecuada da Ponte do Regueiro, recoñecida xa polo Pleno como lugar da memoria e onde foron asasinadas seis persoas.

Un deber de memoria

Os tres grupos lembran que o artigo 34 da Lei 20/2022 establece o deber de memoria das administracións públicas, e consideran que manter nomes no rueiro que enxalzan a ditadura supón un acto de menosprezo ás vítimas. Con esta proposta, defenden que o espazo público se converta nunha ferramenta pedagóxica permanente e nunha garantía de non repetición.

Comparte este artigo