O Concello de Mos aproba o proxecto de remodelación da contorna da igrexa de Santa María de Guizán

Redacción

A actuación conta cun orzamento de preto de 500.000 euros, financiado con fondos da Deputación de Pontevedra e con fondos propios municipais

O Concello de Mos aprobou en Xunta de Goberno Local o proxecto de remodelación da contorna da igrexa de Santa María de Guizán, na parroquia de Guizán, cun orzamento total de case 500.000 euros, financiado con fondos da Deputación de Pontevedra e con fondos propios municipais.

A intervención permitirá mellorar e acondicionar o espazo que rodea a igrexa parroquial, mediante unha actuación distribuída en varias fases e cunha superficie total de 2.303,75 metros cadrados.

A primeira fase, cunha superficie de intervención de 422,97 metros cadrados, céntrase na actuación no atrio da igrexa de Santa María de Guizán. Os traballos están dirixidos á mellora e adecuación deste espazo, co obxectivo de poñer en valor a súa contorna inmediata.

Pola súa banda, a segunda fase abrangue unha superficie de 1.262,45 metros cadrados e inclúe a plataforma situada arredor do atrio, así como un tramo do Camiño do Pazo comprendido entre a casa reitoral e o cemiterio. Esta intervención contempla a renovación dos pavimentos e a adecuación das instalacións urbanas, xunto coa mellora da iluminación pública, a organización das redes de servizos, o axardinamento e a incorporación de mobiliario urbano.

O proxecto técnico recolle tamén actuacións destinadas á mellora da evacuación das augas pluviais e ao soterramento das redes eléctrica e telefónica, co propósito de adecuar o espazo ás necesidades existentes.

A remodelación da contorna da igrexa de Santa María de Guizán permitirá avanzar na mellora dun ámbito vinculado ao patrimonio cultural de Mos.

Comparte este artigo