Redondela celebra un novo recoñecemento para as súas bibliotecas co prestixioso Premio María Molíner 2026

Redacción

• A Rede de Bibliotecas Municipais recibe o prestixioso galardón do Ministerio de Cultura polo seu labor de animación á lectura. O premio inclúe unha dotación económica de 2.777 euros para a ampliación dos fondos bibliográficos das bibliotecas.

• A alcaldesa, Digna Rivas, felicita ao persoal deste servizo municipal e destaca que o premio revalida un modelo cultural “público, accesible e integrador”. Este mes celébrase tamén o Día das Bibliotecas co ciclo infantil “Contando con Pinocho” con actividades en Redondela e Chapela.

As Bibliotecas Públicas Municipais de Redondela volven estar de noraboa. O prestixioso Concurso de Animación á Lectura María Moliner do Ministerio de Cultura de 2026 incluíu un ano máis a Redondela entre os municipios galardoados pola calidade dos seus servizos bibliotecarios. Este recoñecemento premia o traballo transversal das bibliotecas a prol do fomento da lectura, a eficiencia no servizo e o uso de novas tecnoloxías. O galardón inclúe unha dotación económica de 2.777 euros que se investirá en ampliar o catálogo de libros dispoñibles para a veciñanza.

Co gallo deste fito, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, xunto coa concelleira de Cultura, Rita Pérez, visitaron as instalacións da Biblioteca Municipal Valle-Inclán para felicitar persoalmente tanto aos traballadores técnicos como aos usuarios que se atopaban no espazo. Rivas salientou que este premio é un reflexo do esforzo continuo “por manter unhas bibliotecas vivas, inclusivas e abertas a toda a comunidade”. O proxecto premiado nesta edición destacou especialmente pola súa capacidade para integrar a colectivos con diversas necesidades, potenciar os clubs de lectura e colaborar cos centros educativos e o tecido asociativo local. Ao longo de todo o ano as bibliotecas organizan actividades nas que participan familias, colexios, institutos, centros de día, asociacións como Afaga e o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Chapela, entre outros colectivos. A alcaldesa destacou que este galardón “revalida o noso compromiso cun modelo cultural público, accesible e integrador, onde as bibliotecas son espazos vivos de aprendizaxe, encontro, e cohesión social para todos os barrios e parroquias”.

Este mes conmemórase tamén o Día das Bibliotecas, polo que o Concello organiza o ciclo infantil “Contando con Pinocho”. Esta actividade, que serve tamén para celebrar os 200 anos de Carlo Collodi, correrá a cargo da compañía Expresión Producións. Os espectáculos están dirixidos a un público familiar (a partir de 3 anos) e teñen entrada libre ata completar o aforo capacidade dos espazos. As citas programadas son as seguintes:

• Os contos de Pinocho: Venres día 16 ás 18:30 h na Biblioteca Xela Arias de Chapela.

• Vaia conto ten Pinocho!: Venres día 23 ás 18:30 h na Biblioteca Valle-Inclán de Redondela.

Comparte este artigo