O concello de Baiona abre o prazo de inscrición para o taller de pilates terapéutico dirixido a mulleres

Redacción
  • A actividade, gratuíta e dirixida a mulleres maiores de 18 anos, desenvolverase do 3 de novembro ao 17 de decembro no Multiusos de Sabarís.

O Concello de Baiona, a través da Concellaría de Igualdade, abre o prazo de inscrición para participar nun taller de pilates terapéutico dirixido a mulleres maiores de 18 anos. A iniciativa enmárcase na programación Baiona Lila e nas actuacións do V Plan de Igualdade entre Mujeres e Homes de Baiona.

O taller ten como obxectivo favorecer o benestar integral das mulleres e promover o coidado da saúde física mediante a práctica de exercicio adaptado, contribuíndo á adquisición de hábitos saudables e á mellora da calidade de vida.

A actividade será impartida por Uxía Cazorla e terá lugar no Multiusos de Sabarís desde o martes 3 de novembro ata o xoves 17 de decembro, en horario de 9.15 a 10.15 horas, os martes e xoves.

As participantes deberán levar a súa propia esterilla e calcetíns antiescorregadizos
A participación é gratuíta. As mulleres interesadas poden inscribirse a través do correo electrónico cim@baiona.gal ou chamando ao teléfono 986 357 554. Para formalizar a inscrición deberán facilitar o seu nome e apelidos, DNI e teléfono de contacto.

Terán prioridade as mulleres empadroadas no municipio de Baiona.
Con esta proposta, o Concello de Baiona continúa impulsando, a través de Baiona Lila, iniciativas orientadas ao benestar, a saúde e a autonomía das mulleres, incorporando espazos para o autocuidado e a promoción de hábitos de vida saudables.

Comparte este artigo