O percorrido, de carácter circular e dificultade baixa, terá unha distancia superior aos sete quilómetros e permitirá descubrir máis de quince fontes da parroquia
O Concello de Mos, en colaboración coa Asociación Veciñal Miliario de Guizán, organiza o domingo 18 de outubro unha ruta circular polas fontes da parroquia, unha proposta para coñecer o patrimonio local a través dos camiños e das antigas fontes que forman parte da historia e da vida cotiá da veciñanza.
A saída está prevista para as 9.30 horas desde o Centro Social e Deportivo de Guizán, punto no que tamén rematará o percorrido. A ruta terá unha distancia aproximada de 7,5 quilómetros, unha duración estimada de dúas horas e media e unha dificultade baixa.
A actividade permitirá descubrir máis de quince fontes repartidas por distintos lugares da parroquia. O itinerario comezará polo camiño da Corredoura e pasará por diferentes enclaves nos que se conservan elementos vinculados ao aproveitamento tradicional da auga.
Entre as fontes previstas no percorrido figuran as de Soutonovo, Arcal, As Lagoas, Tío Constante ou Tío Lorenzo, As Barreiras, Castro, Mosqueira, Costas, Camiño, Lugar, Os Martices, Primidiño, Sobráns, Carreiro, Xaneiro e Mela. O itinerario rematará nesta última fonte, desde onde se regresará ao Centro Social e Deportivo de Guizán pola beirarrúa.
A preparación da ruta permitiu identificar o estado de conservación das distintas fontes e as necesidades de actuación en cada unha delas. Tamén se localizaron antigas fontes desaparecidas ou afastadas do trazado previsto.
O percorrido inclúe espazos de interese como a fonte do Arcal, que conserva unha estrutura de pedra de especial atractivo, e a zona das Barreiras, onde existe un antigo lavadoiro. Nalgúns puntos, o acceso require atravesar fincas privadas, polo que será necesario respectar as propiedades e seguir as indicacións da organización.
A iniciativa combina a actividade ao aire libre co coñecemento do patrimonio da parroquia e contribúe a dar a coñecer elementos que, en varios casos, precisan atención para evitar que se perdan entre a vexetación ou caian no esquecemento.
Desde a organización recoméndase acudir con calzado cómodo e resistente, protección solar e un bastón de apoio, ademais de levar auga suficiente para o percorrido. A ruta está pensada para públicos diversos, aínda que é conveniente ter en conta a distancia e as características dos camiños.
Con esta proposta, o Concello de Mos e a AVV Miliario de Guizán convidan a veciñanza a descubrir as fontes da parroquia e a coñecer mellor un patrimonio ligado á paisaxe, aos antigos usos da auga e á memoria colectiva.

