Marín, capital das Rías Baixas do terror e a diversión cun Samaín Briz que será “memorable”

Redacción

A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, presentou a imaxe do cartel xunto coa Fundación Juan XXIII. Xa se mantiveron varias reunións cos colectivos que colaboran no desenvolvemento da festa. Volverán as rutas do medo, as estacións de acceso libre, os espectáculos e o PequeSamaín, entre outros atractivos

Todo cadra perfectamente este ano para que a gran noite do terror e da tradición sexa un tremendo éxito en Marín. A noite do sábado 31 de outubro, a Finca de Briz volverá transformarse para converterse no lugar no que vivir a mellor experiencia de medo e diversión de todas as Rías Baixas.

A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, mantivo encontros cos representantes dos colectivos e entidades que colaboran na festa e hoxe, xunto coa Fundación Juan XXIII, presentou o cartel da festa para poder ir avanzando a partir da próxima semana todos os detalles da programación.

Tal e como recorda a edil, “xunto coa fundación, a comparsa Os da Caña e o Club Deportivo La Peña volverán ser os piares deste evento, aos que xa se lles sumarán colectivos do resto da vila e da contorna, reforzando que esta festa é tamén o mellor exemplo da implicación e o asociacionismo”.
“Teremos de novo rutas do terror, ás que haberá que acceder facendo cola, pero tamén haberá percorridos de acceso libre por toda a finca con distintas estacións do medo”, adiantou Sanmartín, que recordou que a festa se desenvolve entre a tarde e a noite previa ao festivo de Todos Os Santos, abrindo as portas a partir das 18.30h.

Ademais, de novo a Finca contará cunha decoración especial, a dunhas meigas “que serán realizadas en colaboración coas persoas usuarias dos centros de día de Marín, igual que fixemos o ano pasado e que é unha forma de implicar tamén á terceira idade e que saíu estupendamente”.
“Tamén animamos aos comercios e ás comunidades de veciños do entorno a que se sumen á decoración deste día, no que transformamos Briz nun auténtico parque do terror”, engade a concelleira.

A concelleira cifra en 50.000 euros a inversión que o Concello fai na festa, contando cunha subvención da Deputación de Pontevedra de cerca de 25.000 euros, a través do Plan Máis Provincia. Esta contía destínase a pagar a todas ás entidades colaboradoras, á loxística, á animación e á xestión do PequeSamaín, con monitorado.

Ao longo dos próximos días, iranse desvelando máis detalles da programación.

Comparte este artigo