Soutomaior celebra o Samaín con actividades familiares, tradición e propostas de misterio para a mocidade e o público adulto

Redacción

O Concello presenta unha programación especial para os días 30 e 31 de outubro e 1 de novembro, que combina obradoiros, o Cortexo das Ánimas, luminarias de calacús e experiencias inmersivas. A campaña ‘Escaparates de Samaín 2026’ busca tamén dinamizar o comercio e a hostalería local.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a concelleira de Promoción Económica, Hostalería e Comercio, Rosana Comesaña, presentaron nesta xornada unha nova celebración do Samaín cunha programación que aposta pola recuperación das tradicións galegas, a participación veciñal e a dinamización económica do municipio. Durante tres días, Arcade e Soutomaior converteranse en escenarios de actividades para diferentes públicos, desde propostas familiares e obradoiros tradicionais ata experiencias nocturnas de misterio dirixidas á mocidade e ás persoas adultas.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou hoxe a importancia de construír unha celebración que combine diversión, identidade cultural e apoio á economía local. «O Samaín é unha oportunidade para manter vivas as nosas lendas e tradicións, compartir espazos entre xeracións e encher as rúas de actividade. Queremos que a veciñanza participe, que as familias gocen da programación e que o comercio e a hostalería local formen parte desta celebración».

Escaparates de Samaín para impulsar o comercio local

Dentro da campaña ‘EU QUERO LOCAL’, o Concello pon en marcha ‘Escaparates de Samaín 2026’, unha iniciativa destinada a implicar os comercios e establecementos hostaleiros na ambientación das rúas de Arcade e Soutomaior.

Os negocios interesados poderán participar individualmente ou en colaboración con establecementos próximos, decorando os seus escaparates e espazos entre o 24 de outubro e o 1 de novembro, ambos incluídos. O prazo de inscrición estará aberto ata o 20 de outubro, a través da sede electrónica municipal, en www.soutomaior.gal.

A campaña inclúe o sorteo de oito vales de 50 euros, por un importe total de 400 euros, para gastar no comercio e na hostalería do municipio. Ademais, todos os establecementos participantes recibirán un distintivo identificativo.

«Apoiar o comercio local tamén significa crear campañas que dean visibilidade aos negocios, animen a percorrer as nosas rúas e favorezan que o gasto quede no municipio. Queremos que o Samaín se note nos escaparates, nos locais e na vida diaria de Arcade e Soutomaior», sinalou a concelleira de Comercio e Hostalería, Rosana Comesaña.

Tres días de tradición, animación e misterio

A programación comezará o venres 30 de outubro, de 17.00 a 20.00 horas, coa escape room familiar A pócema do Samaín, na Praza de Abastos de Arcade. A actividade será gratuíta, con 90 prazas distribuídas en quendas de 20 minutos, e estará dirixida a público a partir dos catro anos. As persoas menores de oito anos deberán acudir acompañadas dunha persoa adulta.

O sábado 31 de outubro concentrará boa parte das actividades na zona de Cima de Vila e Talo Río, en Arcade. De 17.30 a 19.30 horas celebraranse obradoiros de amuletos de protección, colares de zonchos e talla de calacús, unha oportunidade para achegar as familias ás tradicións e á simboloxía da Noite de Defuntos.

Entre as 18.30 e as 19.15 horas terá lugar a inscrición para participar nas Luminarias de Ánimas, unha iniciativa colectiva que busca encher de luz a celebración mediante calacús tallados e decorados pola veciñanza. As persoas participantes recibirán o pin ‘Garda da Luminaria de Soutomaior’ e unha participación no sorteo de tres lotes de produtos de tempada.

Ás 19.30 horas arrancará o Cortexo das Ánimas e a Santa Compaña, un pasarrúas familiar que percorrerá o traxecto entre a Praza de Cima de Vila, a rúa Xosé Solla e Talo Río, coa participación de agrupacións e propostas vinculadas á tradición galega. A organización anima a asistir con velas, cirios, farois ou calacús iluminados e con vestimenta tradicional ou escura.

Xa en Talo Río, ás 20.15 horas, abrirá a exposición veciñal de Luminarias de Ánimas, acompañada dun tren asador de castañas. A noite continuará co espectáculo Esqueletes bailade, de Animar-T, entre as 20.30 e as 22.15 horas, e co túnel do medo O Calacú Máxico e a Fronteira do Alén, de Miúdos Animación, de 21.00 a 23.00 horas. Esta última proposta contará con acceso gratuíto por quendas organizadas cada 15 minutos, ata completar o aforo.

A programación do sábado pecharase cunha actividade específica para a mocidade: o rastrexo nocturno ‘O Espertar do Alén’, na finca Cafexo-Massó, en Soutomaior, de 23.00 a 02.00 horas. Dirixida a mozos e mozas de 12 a 17 anos, ofrecerá unha experiencia de enigmas, retos e traballo en equipo inspirada nas criaturas e lendas da mitoloxía galega. Haberá 50 prazas.

Unha experiencia nocturna para o público adulto

O domingo 1 de novembro, de 18.30 a 21.00 horas, a finca Cafexo-Massó acollerá O que ten cú ten medo II, unha experiencia inmersiva gratuíta dirixida exclusivamente a persoas maiores de 18 anos.

A actividade aproveitará a contorna natural, a iluminación, os efectos sonoros e a ambientación escénica para crear unha proposta de misterio e tensión inspirada no imaxinario do alén galego. Contará con 50 prazas.

Inscricións e información

As inscricións para as actividades que requiren reserva estarán abertas desde o 15 de outubro ás 09.30 horas ata o 28 de outubro de 2026, a través de https://soutomaior.gal/actividades/ 

Con esta programación, Soutomaior convida a veciñanza a participar activamente nun Samaín que reivindica a cultura propia, promove a convivencia e contribúe a dinamizar o comercio e a hostalería local.

Comparte este artigo