O concello de Nigrán elixe a Loli Vicente, fundadora e presidenta das mulleres rurais de Chandebrito, como representante no “IV Foro da Muller Rural Galega”

Redacción

“É un espazo interxeneracional onde nos atopamos e onde as mulleres máis novas aprendemos das maiores aspectos como o amor polo cultivo da terra”, explica Loli sobre esta entidade que imparte actividades como pilates, ioga ou ximnasia

O Concello de Nigrán recoñece a través do ‘VI Foro da Muller Rural Galega’ a Loli Vicente, presidenta da asociación de Mulleres Rurais de Chandebrito, entidade que fundou xunto con outras amigas veciñas no ano 2011. O evento tivo lugar onte no Concello de Pazos de Borbén, anfitrión nesta ocasión desta cita que organiza cada ano Galicia Suroeste GDR e que xa está consolidada como referente no recoñecemento ao papel fundamental das mulleres no desenvolvemento e na sustentabilidade do rural galego. Ao acto a acompañou tamén o alcalde, Juan González, e as ediles de Igualdade e Educación, Patricia Diego e Estela Pérez, respectivamente.

“Cando montamos a asociación foi porque detectamos que na parroquia existía esa necesidade, as mullleres precisábamos un lugar propio onde falar, expresarnos e compartir”, explica Loli sobre a entidade que preside, onde actualmente se imparte ximnasia para maiores, ximnasia de mantemento, pilates e ioga, ademais de organizar viaxes. “O feito de estar alonxados do centro de Nigrán, Vigo e Gondomar fai que Chandebrito precise máis que outro sitio estas actividades e esta asociación”, xustifica. “É un espazo interxeneracional onde as mulleres máis novas aprendemos das maiores aspectos como o amor polo cultivo da terra”.

“O traballo de Loli é fundamental para dinamizar a actividade cultural e social da parroquia. O local da Asociación de Mulleres Rurais, cedido polo Concello, é un punto de encontro para todas elas, un espazo que achega benestar físico e mental, por iso consideramos que Loli é a nosa mellor representante neste foro”, considera o alcalde, Juan González, quen fai referencia a que a sede da asociación é a antiga Escola Unitaria de Chandebrito, na que tamén se ubica a Asociación Veciñal Chandebrito 1807. Neste sentido, o Concello ven de consignar 25.000 € do Remanente de Tesourería para cambiar toda a carpitería exterior, zanxar os problemas de humidades, substituír o chan da planta baixa (consta de dous andares) e pintar o interior. “Desde o Concello temos moito que agrader ás Mulleres Rurais de Chandebrito “, resume o rexedor.

Comparte este artigo