A Deputación presenta una modificación de crédito con máis de 6,3 millóns de euros para cooperación cos concellos

Redacción

O documento inclúe o financiamento de 184 actuacións municipais nos 91 concellos da provincia e unha mancomunidade con destino principalmente a infraestruturas, servizos públicos básicos e adquisición de maquinaria para a prevención de incendios forestais

A contía total do expediente elévase a máis de 7,8 millóns de euros, con partidas para gastos relacionados co funcionamento dos servizos da Deputación, iniciativas de desenvolvemento empresarial e para o plan de cooperación co Concello de Ourense

A Deputación de Ourense presentará na comisión informativa especial de Contas, Facenda e Recursos Humanos, convocada para o próximo mércores, un expediente de modificación de crédito por un importe próximo a 7,8 millóns de euros (7.784.179,82), dos que máis de 6,3 millóns van destinados a investimentos municipais. O documento divídese en suplementos de crédito e créditos extraordinarios con cargo a maiores ingresos recadados.

O expediente reserva un total de 6.370.572,04 euros para o financiamento de 184 actuacións municipais nos 91 concellos da provincia menores de 20.000 habitantes e unha mancomunidade. Desta cantidade, case 5 millóns de euros (4.930.572,04) corresponden a suplementos de crédito para executar, entre outros, proxectos relacionados coa construción e dotación de residencias para maiores, rehabilitación de vivendas, instalacións deportivas e culturais, pavimentación de viarios locais e humanización de rúas, adquisición de maquinaria, eficiencia enerxética, captacións de auga, abastecemento e saneamento, alumeado público, e accións vinculadas ao medio ambiente e recursos turísticos.

Este apartado de cooperación local complétase con 1.440.000 euros en créditos extraordinarios que terán como destino o convenio coa Consellería de Medio Rural para o financiamento da adquisición, por parte dos concellos, de maquinaria para a prevención e loita contra os incendios forestais. Trátase do acordo correspondente ao ano 2026, polo que 11 concellos e unha mancomunidade contarán con 120.000 euros cada un para a compra dun tractor con rozadoira.

Por outra banda, o expediente tamén inclúe, no capítulo de suplementos de crédito, unha partida de preto de 600.000 euros (589.647) para o funcionamento dos servizos da Deputación. Con máis dunha ducia de actuacións, destacan as destinadas a suplementar os custos derivados do consumo de enerxía eléctrica nos edificios provinciais.

Ademais, o documento recolle case 800.000 euros (789.960,78) para compromisos adquiridos con Meisa e 34.000 euros máis para o plan de cooperación de obras co Concello de Ourense. Esta última cantidade divídese en 27.000 euros para a prórroga de tres obras do plan vixente, e os restantes 7.000 para un novo plan de obras de mellora no auditorio municipal.

Comparte este artigo