– A actuación transformará o treito entre a N-555 ata o camiño do Campiño. A estrada contará con novas beirarrúas e servizos urbanos, coa modernización da rede de drenaxe de pluviais. Tamén se engadirá vexetación e árbores para humanizar o tramo.
– A alcaldesa, Digna Rivas, destaca a boa marcha duns traballos que garanten un acceso seguro ao CEIP Porto Cabeiro. “Esta obra porá fin á perigosa ausencia de beirarrúas e ao deteriorado estado do firme, un déficit que afectaba á seguridade diaria da veciñanza e, moi especialmente, dos nenos e nenas que acoden ao colexio”, sinalou a rexedora.
O Concello de Redondela informa de que as obras de mellora, humanización e reforma integral da estrada de Porto Cabeiro avanzan bo ritmo. A intervención céntrase no tramo comprendido entre a N-555 e o camiño do Campiño, nas inmediacións do CEIP Porto Cabeiro. Trátase dunha vía que presentaba un estado “moi deficiente” pola falta de mantemento de anos anteriores. O avance actual das obras amosa xa a transformación do espazo, onde se está a dar prioridade absoluta ao peón. O Goberno local confirmou que esta importante intervención, que arrancou no verán, está programada para concluír definitivamente ao longo do primeiro trimestre de 2027.
“Esta obra porá fin definitivo á perigosa ausencia de beirarrúas e ao deteriorado estado do firme, un déficit que afectaba de forma directa á seguridade diaria da veciñanza e, moi especialmente, dos nenos e nenas que acoden ao colexio”, sinalou a alcaldesa, Digna Rivas.
A rexedora amosouse satisfeita coa marcha do proxecto, que segue a liña marcada polo Goberno local para crear contornas “”máis accesibles, sostibles e adaptadas ás persoas”. Os traballos avanzan segundo o previsto, sinalou Rivas, quen agradeceu novamente a comprensión da veciñanza polas molestias estritamente necesarias que causan as obras.
Na actualidade, os operarios continúan cos labores para definir a nova calzada de 5,8 metros de ancho, que disporá de beirarrúas nunha das marxes e incluirá elementos vexetais ao longo de todo o itinerario. En paralelo, estase a proceder á renovación completa dos servizos urbanos e, de forma moi especial, na modernización da rede de drenaxe de pluviais, que presentaba graves deficiencias. Para humanizar e integrar a contorna engadiranse elementos vexetais e árbores. Os traballos contan cun investimento que supera os 530.000 euros do plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
Esta actuación central compleméntase, ademais, co plan do Concello para transformar de xeito paralelo a contorna do CEIP Porto Cabeiro. O espazo será unha gran área de convivencia peonil de case 3.000 metros cadrados. A obra licitarase nas vindeiras semanas.

