Redondela celebra o Día da Muller Rural coa homenaxe a Ana Sánchez Bouzón

Redacción
  • O Concello de Redondela sumouse onte á conmemoración do Día Internacional da Muller Rural participando no VI Foro da Muller Rural Galega. O evento visibilizou un total de 11 iniciativas lideradas por mulleres de todo o territorio.
  • A alcaldesa, Digna Rivas, entregou o recoñecemento á responsable de Sánchez Álvarez S.L., unha empresa emblemática nada en Cedeira. A rexedora destacou o liderado de Ana Sánchez desde moi nova nun sector tradicionalmente masculinizado.

O Concello de Redondela sumouse onte á conmemoración do Día Internacional da Muller Rural participando no VI Foro da Muller Rural Galega. O acto central incluíu a entrega do recoñecemento á veciña Ana Sánchez Bouzón, premiada nesta edición “polo seu liderado, capacidade e visión de futuro” á fronte da firma Sánchez Álvarez S.L. O galardón foi entregado pola alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, dentro desta iniciativa promovida polo grupo de desenvolvemento local do territorio de Galicia Suroeste EU Rural.

Ana Sánchez Bouzón dirixe Demolicións Sánchez Álvarez desde 2022. A firma naceu hai case 50 anos en Cedeira da man do seu avó, e logo tomou o relevo seu pai. Trátase dun proxecto familiar caracterizado polo esforzo e o arraigo no que esta moza asumiu o mando con tan só 27 anos nun sector complexo e historicamente masculinizado. Durante o acto, a alcaldesa Digna Rivas destacou a importancia de visibilizar que o talento non entende de xéneros nin de idades. “Ana é o vivo reflexo disto. Onde outros podían ver barreiras, ela viu responsabilidade e futuro”, sinalou a rexedora, quen engadiu que “es o espello no que se poden mirar as nenas e mozas de Redondela para saber que non hai profesións de homes nin de mulleres; hai traballo, capacidade e liderado”.

Un foro para compartir experiencias e visibilizar realidades

O foro, celebrado este ano en Pazos de Borbén,  amosou a realidade de 11 proxectos liderados por mulleres rurais da contorna. Xunto á redondelá Ana Sánchez, o certame recoñeceu o labor doutras dez mulleres e colectivos do territorio. Por Fornelos de Montes recibiu o premio a cantante Su Garrido, por Gondomar Lucía Torres, da Floristería de Lis, de Mos o recoñecemento foi para Flora Carrera da Tapería Flora, en Nigrán a premiada foi  Loli Vicente (Mulleres Rurais de Chandebrito), de Oia Patricia Muñoz (Amodo Turismo), do  Rosal Amparo Álvarez e Delia Álvarez (Bar Floro); en Pazos de Borbén Carlota Simón (Ganadería GS), por Soutomaior Paloma Romero (Barbería L’Uomo), de Tomiño Reme Ortega (Grupo San Roquiño) e Hortensia Rodríguez (Floristería La Flor) por Tui.

Con esta nova edición do foro, o programa reafirma o seu obxectivo de impulsar a igualdade de oportunidades, fixar poboación, soster a economía local e pór en valor o orgullo e a pegada propia das mulleres no medio rural galego.

Comparte este artigo