A iniciativa achega a vacina intranasal, sen pinchazo, aos centros educativos para facilitar a inmunización infantil e a conciliación das familias
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañou este venres á delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e á subdirectora de Enfermería da área sanitaria viguesa, Carmen Soto, nunha visita ao Colexio Lar, onde un total de 425 escolares recibiron a vacina antigripal intranasal, sen necesidade de picada.
A visita enmárcase na segunda edición do proxecto piloto de vacinación antigripal escolar impulsado pola Xunta de Galicia, que comezou esta semana e que achega a vacina intranasal a 75 centros educativos galegos, 11 deles na área sanitaria de Vigo.
A iniciativa permitirá chegar a 26.536 escolares en Galicia, dos cales 4.237 pertencen á área viguesa, co obxectivo de acadar unha cobertura infantil do 60 %.
Na área sanitaria de Vigo participan 11 centros educativos. Na cidade de Vigo están o CEIP García Barbón, o CEIP Lope de Vega, o CEIP Pintor Laxeiro, o CEIP Seis do Nadal, o CPR Plurilingüe Apóstol Santiago e a EEI Vila Laura.
A estes súmanse o CEIP Plurilingüe de Reibón, en Moaña; o CPR Plurilingüe Lar, en Mos; o CRA María Zambrano, no Rosal; o CRA Raíña Aragonta, en Salceda de Caselas; e o CEIP Plurilingüe Infante de Borbón, en Salvaterra de Miño.
A campaña de vacinación fronte á gripe e á covid comezou o pasado 28 de setembro nas residencias de maiores e nos centros sociosanitarios. O próximo 19 de outubro estenderase ás persoas de 70 ou máis anos e aos profesionais sanitarios. Posteriormente, o 2 de novembro continuará coa vacinación das embarazadas e, o 9 de novembro, coas persoas a partir dos 60 anos.

