Trémola Teatro presenta na Biblioteca Pública Municipal de Baiona o venres 23 de outubro ás 18:00h. un contacontos participativo dirixido a bebés e nenos e nenas de 0 a 4 anos, que combina narración oral, educación emocional e fomento da lectura desde as primeiras idades.
A Biblioteca Municipal de Baiona invita as familias a descubrir o mundo das emocións a través de «Nube de Algodón», unha actividade de narración oral participativa a cargo de Trémola Teatro, especialmente deseñada para a primeira infancia.
Nube de Algodón é unha pequena nube que cambia de cor segundo como se sente: azul cando está triste, amarela cando está feliz e vermella cando está enfadada. Pero un día espértase gris e non sabe por que. Para descubrir que lle sucede, necesitará a axuda das familias, que a acompañarán nunha aventura na que aprenderán a recoñecer e comprender as emocións.
A través desta historia tenra e participativa, os máis pequenos poderán achegarse ao mundo dos sentimentos dun xeito lúdico e adaptado á súa idade, compartindo coas súas familias un momento especial ao redor da narración oral e a literatura infantil.
Esta actividade corresponde a unha das misións da Biblioteca Municipal de Baiona: a promoción do uso do libro e da biblioteca, fomentando así o hábito lector desde as idades máis temperás. Achegar os contos a bebés e nenos e nenas, espertar a súa curiosidade polas historias e favorecer o contacto cos libros desde os primeiros anos de vida son obxectivos prioritarios da biblioteca, que aposta por ofrecer propostas culturais e educativas dirixidas á infancia e as súas familias.
Cunha duración aproximada de 30 minutos, «Nube de Algodón» está dirixida a bebés e nenos e nenas de 0 a 4 anos, acompañados dun adulto. A proposta combina o desfrute dos contos coa aprendizaxe emocional e contribúe a que a biblioteca sexa un espazo de encontro, descubrimento e achegamento á lectura desde o comezo da vida.
• Inscrición previa: no teléfono 986 35 59 43.
• Prazas limitadas: ata completar capacidade.

