Redondela acolle “In-Igualables”, o festival de sensibilización social da Asociación Andaina

Redacción

– A alcaldesa, Digna Rivas, e a presidenta de Andaina, Lara Naya, presentaron a cita, que se celebra do 9 ao 13 de novembro e que reunirá a alumnado de vinte centros de ensino de Redondela, Vigo, Moaña e Soutomaior arredor de historias de superación.

O Concello de Redondela acolleu esta mañá a presentación oficial de “In-Igualables”, o festival de transformación social organizado pola Asociación Andaina de Persoas con Diversidade Funcional. No acto de presentación participaron a alcaldesa, Digna Rivas, a presidenta de Andaina, Lara Naya, a concelleira de Servizos Sociais, Iria Vilaboa, e membros da directiva e persoas usuarias da asociación.

O festival desenvolverase do 9 ao 13 de novembro no auditorio da Xunqueira co lema “Aprender a convivir dende a diversidade”. Nace co obxectivo de achegar ao alumnado historias reais de superación, participación social e inclusión. Andaina deseñou un programa práctico que substitúe as charlas tradicionais por espazos de diálogo e obradoiros .

A presidenta de Andaina, Lara Naya, explicou que este festival nace “coa vocación de xerar un diálogo directo, próximo e horizontal entre os escolares e persoas que son auténticos referentes de vida. O nome ‘In-Igualables’ reflicte precisamente iso: que cada un de nós ten un valor único e capacidades extraordinarias que achegar á comunidade se eliminamos as barreiras oportunas”. Pola súa banda, a alcaldesa manifestou o orgullo que supón para o municipio apoiar este evento: “Con ‘In-Igualables’, Andaina volve demostrar que a inclusión non se estuda nos libros, senón que se practica escoitando e compartindo espazos para que as aulas sexan lugares libres de prexuízos e acoso escolar”. A identidade visual do festival é un mostra clara da filosofía do evento, xa que a ilustración oficial acompañada do lema “Os ollos de diferente cor miran o mesmo”, foi realizada por Lorena Pérez Ricón, usuaria de Andaina. A imaxe plasma a esencia de igualdade, empatía e diversidade do proxecto.

O proxecto conta xa coa participación de 20 centros de ensino, 12 deles de Redondela, xunto a outros de Vigo, Moaña e Soutomaior. Nestas xornadas o alumnado compartirá experiencias con referentes inspiradores como os activistas pola educación inclusiva Antón Fontao e Indira Martínez, xunto a Raúl Aguirre, defensor da vida independente en Redondela. Haberá obradoiros vivenciais prácticos co científico e divulgador Dabiz Riaño, incluíndo a proxección do seu documental “7 lagos, 7 vidas” e coa arquitecta especializada en accesibilidade María Gironza. No festival participarán tamén destacadas entidades da provincia no eido da inclusión como o equipo de fútbol adaptado da Fundación RC Celta, o Celta Integra, e o proxecto de ciclismo e superación Discamino Vigo, que proxectarán cadanseu documental.

O Concello de Redondela reiterou o seu apoio incondicional a Andaina, cuxo éxito organizativo vén avalado por grandes fitos previos. O festival conta tamén coa colaboración da Fundación Conchita Regojo, Fundación Otero e Carmela e a Deputación provincial.

Comparte este artigo