O concello de Nigrán colabora un ano máis co encontro de menores con enfermidade renal crónica e as súas familias

Redacción

A Federación Alcer Galicia organiza novamente en Patos unhas xornadas de encontro, desconexión e convivencia que incluirá un faladoiro da doctora Gemma Ariceta, do Vall d’Hebron

O Concello de Nigrán colabora un ano máis coa Federación Alcer Galicia para acoller desde hoxe e ata o domingo o encontro de menores e familias con enfermidade renal de Galicia na Residencia de Tempo Libre de Patos. Trátase dunha fin de semana de convivencia, desconexión, actividades e encontro entre crianzas e adolescentes de toda Galicia con ERC (enfermidade renal crónica) e as súas familias. Ademais o sábado incluirá un faladoiro bidereccional coa Dra. Gemma Ariceta, xefa do Departamento de Enfermidades Renais Pediátricas do Hospital Universitario Vall d’Hebron (Barcelona).

O Concello de Nigrán colabora de maneira activa con Alcer Galicia acollendo desde 2022 diferentes encontros e xornadas solidarias, entre os que destaca o campamento de verán para 50 menores de toda España. A cooperación municipal consiste en facilitar actividades de lecer, excursións e os traslados necesarios a centros de saúde ou hospitais para quen require tratamentos médicos como a hemodiálise. “O noso lema de goberno é ‘Un Nigrán para todos’, así que non podemos estar maís contentos de ser anfitrións deste tipo de eventos que o que buscan é ofrecer a máxima inclusión”, resume o alcalde, Juan González, quen participará na apertura do encontro este venres.

Comparte este artigo