O alumnado do Obradoiro Dual de Emprego “Coidando Miñor V” retira plantas invasoras na Foz do Miñor, no río Groba e en Sabarís.
Os traballos, desenvolvidos esta semana en estreita colaboración coa Xunta de Galicia, centráronse na eliminación de herba da pampa, vira-vira e xenxibre do Himalaia.
O alumnado da especialidade Forestal do Obradoiro Dual de Emprego “Coidando Miñor V” levou a cabo esta semana unhas intensas xornadas de traballo de control e eliminación de especies de flora exótica invasora en varios espazos de alto valor ambiental do municipio: a Foz do Miñor en Baiona, a contorna do río Groba, a praia da Ladeira e o paseo de Sabarís.
As actuacións realizáronse en estreita coordinación co Servizo de Patrimonio Natural do Departamento Territorial de Pontevedra da Xunta de Galicia, cuxo persoal técnico asesorou o alumnado sobre a identificación das especies, os métodos de retirada máis acomodados en cada caso e a correcta xestión dos restos vexetais para evitar a súa propagación.
Os traballos centráronse principalmente na herba da pampa (Cortaderia selloana), unha das especies invasoras máis estendidas en Galicia. Orixinaria de Sudamérica, cada planta pode producir millóns de sementes que o vento dispersa con moita facilidade, colonizando marxes de ríos, zonas costeiras e terreos alterados, e desprazando a vexetación autóctona. O alumnado actuou sobre esta especie na Foz do Miñor, nas ribeiras do Groba e no paseo de Sabarís, procedendo ao corte dos penachos florais antes da dispersión das sementes e á extracción das matas de raíz.
Así mesmo, na praia da Ladeira, en Sabarís, eliminouse a especie Achyrocline satureioides, máis coñecida como vira-vira. Esta planta, tamén orixinaria de Sudamérica, introdúcese nos sistemas dunares e compite coa flora autóctona propia do areal, alterando un ecosistema especialmente fráxil e de gran valor ecolóxico.
No río Groba, o alumnado eliminou ademais exemplares de xenxibre do Himalaia (Hedychium gardnerianum), unha planta ornamental de orixe asiática que se estende mediante rizomas formando densas masas que desprazan a vexetación propia das ribeiras. Para as próximas actuacións, exponse tamén a eliminación da orella de elefante (Colocasia esculenta), tamén coñecida como taro, unha especie exótica de orixe asiática que coloniza as marxes húmidas dos ríos e ameaza a biodiversidade autóctona.
Alén do seu beneficio ambiental directo, estas actuacións forman parte da formación práctica do alumnado, que adquire así experiencia real en tarefas de restauración e conservación do medio natural, aumentando as súas posibilidades de inserción laboral no sector forestal.
O Taller Dual de Emprego “Coidando Miñor V” é un proxecto promovido polo Concello de Gondomar en asociación cos concellos de Baiona e Nigrán, que conta coas especialidades de Forestal e Atención Sociosanitaria e combina formación e emprego para persoas desempregadas. Está subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, ao amparo da Orde do 14 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os talleres duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia e convócanse para o ano 2026.

