O Concello cede a Cáritas 3 vivendas sociais para o programa de inclusión de familias en situación de vulnerabilidade

Redacción

O alcalde e a concelleira de Asuntos Sociais entregaron hoxe as chaves dos pisos, situados nas rúas Apolo e Guizamonde e na Praza 100

O Concello cede a Cáritas Diocesana de Ourense o uso de 3 vivendas sociais, que serán destinadas á execución do proxecto Luscofusco, un programa de vivenda temporal e inclusión social que ofrece acollida a persoas e familias en situación de vulnerabilidade ou exclusión residencial.

O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Asuntos Sociais, Tamara Silva, asistiron esta mañá ao acto de entrega de chaves dos pisos á directora de Cáritas Diocesana de Ourense, María Tabarés, e ao delegado da entidade, Ángel Feijóo Mirón.

O acto tivo lugar nun dos inmobles, na rúa Apolo. Os outros 2 están na Praza 100 e na rúa Guizamonde. Todos son de titularidade municipal, foron reformados e cedidos á entidade ourensá para que os xestione por un período de 5 anos. Contan con similares características: 3 dormitorios, cociña, baño e salón.

Tamara Silva explicou que o obxectivo desta cesión é “colaborar con Cáritas unha vez máis para que poidan xestionar estes pisos e axudar ás familias máis necesitadas de Ourense. Son pisos amplos que poden acoller a familias con menores ao seu cargo. Cáritas encárgase ademais de facerlles un seguimento, tanto dos menores a nivel escolar como das familias para reinsertalas laboralmente. É un programa moi completo e con isto axudamos a atender esta necesidade”.

María Tabarés manifestou que, para Cáritas, a dispoñibilidade destes espazos “significa xerar oportunidades para as familias que o están pasando mal. Desde hai anos, a vivenda é un factor de exclusión social. Leva a maior parte dos ingresos das persoas traballadoras e é inaccesible para xente que está en situación de exclusión”. O programa de Cáritas “permite que poidan plantexarse un futuro nunhas condicións dignas, xa que un non pode estar buscando traballo se non ten onde durmir”, subliñou.

Ademais da vivenda, o programa proporciónalles “un acompañamento en formación competencial. Ensinámoslle á xente un oficio, acompañámola no proceso de busca de emprego e xeramos condicións para que esa familia poida saír adiante e que os seus nenos permanezan en contornos normalizados e non sexan discriminados”, aseverou.

Comparte este artigo