– A iniciativa levarase a votación no vindeiro pleno ordinario de outubro, e conta co apoio de numerosas entidades deportivas do municipio. Con este recoñecemento o municipio renderá homenaxe a un dos fundadores do Mundialito da Xunqueira.
– A alcaldesa, Digna Rivas, subliñou que dar o nome de Generoso Muíños a este espazo supón un recoñecemento “máis que merecido a unha vida de entrega altruísta ao deporte local e, moi especialmente, ao fútbol sala”.
O Concello de Redondela elevará unha proposta formal ao pleno ordinario de outubro o vindeiro xoves para que a Pista da Xunqueira pase a denominarse oficialmente pista “Generoso Muíños Reboredo”, coñecido por todos como “Gene”. Con este xesto, a administración local reflectir o agradecemento de toda a vila a unha figura clave no desenvolvemento e dinamización do deporte afeccionado e comunitario. A proposta chegou ao Concello grazas á iniciativa de Héctor Quijeiro, veciño moi vencellado ao mundo do fútbol local, e recolleu o apoio de numerosas entidades e clubs deportivos de todo o municipio.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliñou que dar o nome de Generoso Muíños a este espazo supón un recoñecemento “máis que merecido a unha vida de entrega altruísta ao deporte local e, moi especialmente, ao fútbol sala”. Muíños foi un dos grandes promotores do histórico Mundialito de Fútbol Sala da Xunqueira, unha competición que transcendeu o puramente deportivo para converterse nun dos maiores eventos sociais do verán redondelán, e que este ano celebrou con éxito a súa 42º edición.
“Falar da pista da Xunqueira é falar de Gene e dunha cita que reúne cada ano a rapaces e adultos de Redondela e comarca, que atopan neste torneo un punto de encontro, saúde e valores compartidos”, sinalou Rivas. A rexedora tamén quixo agradecer a Héctor Quijeiro e a tódolos colectivos implicados o seu pulo: “Esta proposta demostra o agarimo de todo un pobo. Non hai mellor homenaxe nin lugar máis axeitado para o seu nome que esta pista”.
A proposta agarda contar co apoio unánime do resto dos grupos da corporación no pleno ordinario deste xoves. Con este bautizo oficial, o Concello quere asegurar que o legado deportivo de Gene Muíños permanece visible para as futuras xeracións no mesmo corazón onde se fraguou a historia do Mundialito.

