O BNG levará ao Pleno de Poio os insultos e as vexacións do patrón maior de Raxó á presidenta das mariscadoras

Redacción

A formación nacionalista esixe responsabilidades inmediatas ante os audios nos que o patrón insulta á profesional, lle desexa enfermidades e mesmo lle pide que se suicide

O Bloque reclama que o Concello se posicione con claridade e que as administracións competentes actúen para impedir que as confrarías sexan espazos de impunidade e intimidación contra as mulleres do mar

O BNG de Poio levará ao vindeiro Pleno municipal do próximo martes a condena dos graves ataques verbais do patrón maior de Raxó contra a presidenta da agrupación de mariscadoras. A formación nacionalista considera intolerables uns audios nos que o patrón recorre a insultos soeces, lle desexa enfermidades graves e mesmo lle pide que se suicide.

O Bloque esixe a depuración inmediata das responsabilidades políticas, institucionais e orgánicas que correspondan e reclama unha resposta firme ante uns feitos que considera incompatibles co exercicio dunha representación pública ou sectorial. “Non abonda con expresar solidariedade coa afectada: cómpre actuar, asumir responsabilidades e garantir que estas condutas non queden impunes”, afirma a portavoz, quen sinala que “as institucións e os órganos de xestión do mar non poden ser espazos de impunidade onde se normalicen actitudes que atentan contra a dignidade das persoas”, nun comunicado no que o BNG xa expresou en redes sociais o seu máis firme rexeitamento a estes comportamentos.

A formación nacionalista considera especialmente grave que unha muller que desenvolve a súa actividade profesional no sector marítimo teña que soportar insultos e expresións desta natureza. Subliña que as confrarías deben ser espazos de traballo e participación democrática, non lugares nos que se tolere a intimidación nin se empregue a posición de poder para humillar ou amedrentar outras persoas.

Por iso, o BNG reclama ás administracións competentes que actúen con contundencia, revisen os protocolos internos e adopten medidas efectivas para evitar que se repitan episodios semellantes. Quen representa un sector estratéxico para a economía e a identidade de Poio debe manter unha conduta acorde coa súa responsabilidade, non protagonizar comportamentos que atentan contra a dignidade doutras persoas.

O BNG quere que o Concello de Poio se pronuncie sen ambigüidades e deixe claro que non hai lugar para a violencia verbal, o menosprezo nin as intimidacións contra as traballadoras do mar, xa que “a defensa da igualdade e dos dereitos das mulleres non pode quedar nunha declaración de intencións: debe traducirse en decisións e consecuencias concretas”.

O Bloque manterá a presión política para que se depuren as responsabilidades correspondentes e se adopten garantías reais para as profesionais do sector.

Comparte este artigo