A concelleira Tamara Silva asistiu á primeira sesión desta novidosa iniciativa, na que participaron escolares do CPR Luis Vives.
A Concellería de Educación do Concello de Ourense celebra esta semana a festividade do Samaín 2026 nos centros educativos da cidade con diferentes actividades para o alumnado de Primaria e Secundaria. A concelleira Tamara Silva asistiu esta mañá ao escape room “Noite Meiga”, que se desenvolveu no claustro de San Francisco.
Trátase dunha proposta lúdica, educativa e cultural por equipos que mergulla a mocidade no universo simbólico e cultural de Galicia a través de retos, enigmas e probas inspiradas na nosa tradición popular. Alumnado de 3º e 4º de Secundaria descobre o noso patrimonio inmaterial dun xeito orixinal, divertido e participativo.
O claustro de San Francisco recibiu esta mañá escolares dos colexios CPR Luis Vives e Guillelme Brown, en dúas sesións. Durante esta semana acudirán tamén dous grupos do CPR Santa Teresa e senllos grupos dos colexios Padre Feijóo e Cardenal Cisneros.
Contacontos teatralizados
A programación educativa do Samaín inclúe outra proposta, dirixida ao alumnado de Primaria (3º e 4º curso). Trátase dun contacontos teatralizado titulado “Ímolo pasar de medo”, que se representará nos salóns de actos dos propios centros escolares da man da compañía teatral Trécola Teatro.
Máis de 600 escolares coñecerán a historia do Samaín en Galicia a través dos diferentes personaxes. Nesta actividade participarán os colexios CEIP Irmáns Villar, Curros Enríquez, Prácticas, Albino Núñez, O Couto, Vistafermosa, Mestre Vide e Amadeo Barroso.

