A Policía Local de Ourense detén unha persoa tras intervir 37 envoltorios cunha substancia aparentemente estupefaciente

Redacción

Os axentes localizaron tamén 975 euros en efectivo e trasladaron o detido a dependencias da Policía Nacional

A Policía Local de Ourense detivo o pasado venres, 23 de outubro, unha persoa durante unha intervención na vía pública na que foron localizados 37 envoltorios cunha substancia branca, aparentemente cocaína, ademais de 975 euros en efectivo.

A actuación comezou durante un servizo de patrulla, cando os axentes deron o alto ao condutor dunha motocicleta para realizar diversas comprobacións. No transcurso da intervención localizaron trece envoltorios entre as súas pertenzas.

Durante as comprobacións, a persoa emprendeu a fuxida a pé e cruzou unha avenida entre vehículos en circulación, xerando unha situación de risco. Os policías seguírona sen perdela de vista e déronlle alcance, procedendo á súa detención. Posteriormente foron localizados outros 24 envoltorios.

O detido foi trasladado a dependencias da Policía Nacional, onde os axentes da Policía Local compareceron para dar conta dos feitos e fixeron entrega dos efectos intervidos.

Fontes do Concello destacan o labor de vixilancia e a capacidade de resposta da Policía Local, e agradecen a colaboración da Policía Nacional na recepción do detido e a tramitación das dilixencias.

Comparte este artigo