O Pleno do Porriño aproba o cambio de uso do solo que permite ampliar o Centro Social de Mosende e humanizar o exterior

Redacción
  • A modificación urbanística no contorno da igrexa de San Xurxo dá luz verde ao proxecto municipal para licitar as obras
  • O centro social triplicará a súa superficie ata os 935 m2 coa creación dun gran auditorio, local de ensaios e unha terraza para espectáculos
  • A nova edificación integrarase no contorno patrimonial mediante unha galería acristalada e acabados en pedra granítica e madeira

O pleno do Concello do Porriño celebrado este luns aprobou o cambio de uso do solo no contorno da igrexa de Mosende, un trámite urbanístico clave que permitirá desbloquear e facer realidade o proxecto de ampliación do Centro Social de Mosende.

Até o de agora, os terreos situados xunto ao complexo parroquial de San Xurxo tiñan os seus usos restrinxidos ao ámbito relixioso, polo que esta modificación era o paso imprescindible para incorporar o uso sociocultural e poñer en marcha a licitación da obra redactada polo Concello.

A intervención proxectase no complexo público situado no lugar das Madorras, anexo á igrexa parroquial de San Xurxo de Mosende e ao cemiterio municipal. Os terreos foron doados ao Concello do Porriño pola Asociación de Veciños San Xurxo e a comunidade de Montes, para poder licitar a obra, o pleno municipal aprobará este luns a ampliación dos seus usos -restrinxidos ata agora ao ámbito relixioso- para incorporar tamén o uso sociocultural

Un espazo moderno e funcional para a vida cultural

O proxecto,  supón unha expansión do inmoble orixinal  construído no ano 2001 cara ao seu lateral esquerdo  para crear un gran centro cultural con espazos interiores modernos e adaptados ao uso cultural e cun exterior moderno e humanizado.

Así, a ampliación proposta se conecta co edificio existente mediante unha galería acristalada resolta coa cuberta plana, tratando de unificar as dúas edificacións. Ademais, proxéctase unha ampla terraza exterior de 272 m2  pensada para a celebración de eventos ao aire libre.
Ademais do novo espazo exterior, accesible humanizado, destaca a creación dun gran salón de actos e ensaios. Un espazo diáfano de  máis de 162 m2 , dotado dun escenario elevado  que contará tamén zona traseira de vestiarios, baños adaptados e almacén.
 

Integración arquitectónica e respecto polo patrimonio

O deseño do novo volume concebiuse para dialogar de forma harmónica coa contorna patrimonial protexida da igrexa parroquial de San Xurxo. Para iso, empregaranse materiais tradicionais e de alta calidade con pedra granítica na fachada, cuberta a dous augas con ella cerámica plana de cor gris e un illamento termoacústico de ultima xeración xunto cunha instalación de climatización eficiente con bomba de calor.  

Coa execución destas obras e os trámites urbanísticos necesarios, a parroquia de Mosende contará cun centro social renovado, accesible e perfectamente equipado para acoller ensaios, actuacións, reunións e actividades comunitarias

Comparte este artigo