A psicóloga Fátima Rodríguez Marcos afondará este xoves 29 de outubro ás 17.30 h na cafetería Nenza Xida sobre a desigualdades salarial e as súas consecuencias económicas
Traballar toda unha vida e chegar á xubilación con dificultades económicas. É unha realidade que afecta especialmente ás mulleres e que pon de manifesto que a desigualdade salarial non remata cando remata a vida laboral. O Concello do Rosal pon esta cuestión sobre a mesa na primeira cita do trimestre dos Cafés en Igualdade, que regresan este xoves 29 de outubro cun encontro para reflexionar sobre as causas e consecuencias da fenda salarial.
A psicóloga de Talentea RRHH Fátima Rodríguez Marcos afondará sobre ‘A fenda salarial. Traballar toda a vida, e chegar a pobre’, ás 17.30 h na cafetería Nenza Xida. O encontro permitirá abordar unha desigualdade que vai máis alá das diferenzas de salario entre homes e mulleres. As interrupcións nas traxectorias profesionais, a maior dedicación feminina aos coidados, as dificultades de promoción laboral ou a concentración das mulleres en sectores peor remunerados teñen consecuencias que se acumulan ao longo dos anos e que poden traducirse en pensións máis baixas e maior vulnerabilidade económica na vellez.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salienta a importancia de facer visibles estas realidades. “Falamos dunha desigualdade que condiciona a vida das mulleres durante décadas e que moitas veces se fai especialmente evidente cando chega a xubilación. Non podemos falar de igualdade real mentres o feito de ser muller siga implicando máis dificultades para acceder a salarios dignos, desenvolver unha carreira profesional ou garantir a independencia económica”, sinala.
Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez, resalta o valor dos Cafés en Igualdade “como punto de encontros que sirvan para falar de cuestións que nos afectan directamente, entender por que se producen determinadas desigualdades e identificar situacións que ás veces temos tan normalizadas que nin sequera as cuestionamos. Un café pode ser unha boa escusa para abrir conversas necesarias”.
Os Cafés en Igualdade son encontros mensuais de balde abertos a toda a veciñanza que analizan cuestións de actualidade desde múltiples perspectivas, sempre cun enfoque participativo e transformador. O proxecto posto en marcha polo Concello conta co financiamento do Ministerio de Igualdade, a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e consolídase como unha iniciativa que combina educación, participación cidadá e compromiso social.

