Domínguez esixe o cambio da ubicación dun novo composteiro comunitario previsto en Pontemuiños

Redacción
Screenshot

● O Goberno de Lores pretende instalalo a carón do parque infantil e da zona de merendas, así como enfronte dunha cafetería

● Unha vez máis, como xa sucedeu no caso de Campolongo o pasado mes de agosto, a ubicación non foi consensuada coa veciñanza da zona

O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, esixe ao Goberno do BNG e ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores a paralización da instalación dun novo composteiro comunitario previsto en Pontemuiños, na zona axardiñada situada a carón do parque infantil, da zona de merendas do mesmo e enfronte dunha cafetería con terraza.

Domínguez asegura que unha vez máis, a ubicación escollida polo Goberno local do BNG supón unha molestia xa non só para a veciñanza do lugar e para o negocio de hostalería asentado a carón, senón tamén para as familias con nenos que cada día empregan o parque infantil. A zona escollida por Lores para instalar o composteiro comunitario é unha zona verde que ten ao lado o único banco que hai a carón da zona de xogo e que se emprega para que a cativada tome a merenda.

“Chamáronnos os veciños de Pontemuiños para alertar de que unha vez máis o Goberno de Lores se equivoca no lugar de poñer un composteiro comunitario” explica Domínguez, que considera que é “incríble” a pouca sensibilidade que ten o alcalde Lores para seleccionar as zonas nas que instalar as zonas de compostaxe comunitaria.

“En Pontemuiños hai moitísimos espazos máis axeitados para instalar o composteiro. Como é posible que Lores queira poñer o composteiro a carón dunha terraza dunha cafetería e a carón dun parque infantil onde xogan moitísimos nenos. Porque eu estiven alí e vin que hai un montón de nenos empregando o parque infantil. Esixímoslle que cambie esta ubicación e que escolla unha máis axeitada”, continúa o presidente do Partido Popular de Pontevedra.

Domínguez considera o Goberno de Pontevedra debe atender ás queixas veciñais tal e como fixo en Campolongo, cando se viu obrigado a mover de sitio a zona de compostaxe logo das protestas veciñais e dos locais de hostalería. Domínguez comprobou como en Pontemuiños xa está emprazado unha parte do material necesario para executar a base do futuro composteiro e unha vez máis recalca que a ubicación non é a axeitada porque non é a que menos molestias xenera a veciños, negocios e usuarios do parque infantil.

Como xa se alegou no caso do composteiro de Campolongo, dende o Partido Popular de Pontevedra considérase preocupante a localización polos posibles cheiros, suciedade e presenza de roedores no lugar, algo que xa se denunciou en outros puntos da cidade debido á falta de mantemento deste tipo de instalacións.

Ademais, consensuar as zonas de implantación destas infraestruturas debería realizarse a través de encontros cos veciños “porque escoitar os veciños, as súas opinións e as súas propostas de ubicación sería o lóxico”, indica Domínguez, que recorda que é o que el e o seu equipo están a facer tanto na cidade de Pontevedra como en todas as parroquias do rural.

Por estes motivos, o líder do Partido Popular de Pontevedra esixe ao Concello a retirada dos materiais para a construción da infraestrutura deste emprazamento e que se busque un emprazamento alternativo, consensuado coa veciñanza e cumprindo cos criterios técnicos, ambientais e de convivencia.

Comparte este artigo