Os traballos serviron para acometer unha importante renovación neste núcleo, cun investimento próximo aos 100.000 euros.
O alcalde, Jacobo Pérez, destaca o avance en tramitacións e na realización de obras de calado nas últimas semanas
Desde hai unhas semanas a parroquia de Arcos da Condesa conta cunha vía de tránsito totalmente renovada. Trátase do Camiño de San Martiño, que experimentou unha mellora moi importantes, grazas ao investimento realizado, que ascendeu a uns 100.000 euros aproximadamente. O alcalde, Jacobo Pérez, pasou revista ao estado deste núcleo do rural, unha vez concluídos os traballos, que serviron para dotar ao camiño dun novo pavimento, toda vez que o anterior xa presentaba un importante estado de deterioro. Ademais, tamén se procedeu á instalación dunha nova rede de augas pluviais, cunha obra que, tal e como recordou o propio Pérez Gulín, “levouse a cabo tendo en conta as características da contorna, sendo totalmente respectuosa co espazo que hai arredor”.
A actuación incluíu a retirada da antiga superficie e a instalación de novos colectores de pluviais, así como sumidoiros lineais con reixa. A maiores, habilitouse unha primeira capa de pavimento continuo de formigón armado, de 15 centímetros de espesor, de cor ocre, con acabado superficial pulido. Posteriormente, procedeuse á dotación de pavimento de pedra de granito con pezas de 30x40x12, que se colocaron en franxas perpendiculares ao eixo do camiño. Finalmente, instaláronse, a maiores, máis pezas de granito, de 30x15x6 centímetros, nas marxes exteriores da vía. Deste xeito, garantízase que o firme non chegue a contactar con parcelas, peches e muros de propiedades conlindantes. Jacobo Pérez sinala que esta actuación redunda no compromiso que ten o Concello á hora de potenciar os servizos do rural. Ademais, Pérez Gulín tamén agradeceu os traballos de limpeza e mantemento que a propia Entidade Menor está a acometer nos últimos tempos na parroquia. O rexedor de Caldas de Reis pon en valor as excelentes relacións coa ELM co cambio de Goberno. “A súa boa xestión, centrada no día a día con limpezas e pequenas reparacións, permite que desde o Goberno local poidamos centrarnos en accións e obras de maior calado. “É unha forma de xestionar que é un exemplo de colaboración entre ambas entidades”, finalizou.
Máis dun millón de euros en proxectos rematados ou en marcha Na visita ao espazo renovado en San Martiño, Jacobo Pérez destacou os diferentes proxectos, xa rematados ou que están actualmente en tramitación, que experimentaron un importante pulo nas últimas semanas, como a posta en marcha da EDAR do Fieitoso ou a licitación do saneamento en Baltar. Ademais, confirmou que nos vindeiros días abrirase a licitación para a mellora do saneamento en Sequeiros. “Son actuacións que suman un investimento superior ao millón de euros”, lembrou o alcalde, que deixou claro que “temos previsión de continuar licitando obras, ao tempo que continuamos dando resposta ás demandas dos veciños e veciñas, tal e como nos comprometimos ao chegar á Alcaldía, a través de traballos e melloras do día a día”. O Concello de Caldas de Reis continúa avanzando nun contexto condicionado pola falta de secretario e asesor xurídico no Concello, así como diferentes baixas. En todo caso, tal e como deixou claro Pérez Gulín, “a Administración local está a suplir estes baleiros cos pertinentes procesos e substitucións, ao ritmo de calquera outra institución pública. Para nós, isto non vai ser unha excusa para non cumprir cos compromisos adquiridos ante a veciñanza”, garantiu.

