Redondela conmemora o Día de Homenaxe aos Represaliados do Franquismo co testemuño de Flora Baena e Teatro

Redacción

– A irmá de Xosé Humberto Baena, fusilados en 1975, ofrecerá unha conferencia este xoves. O 2 de novembro o Auditorio do Piñeiral acollerá a representación da obra “Melón Pelado!” para o alumnado do IES Chapela.

– A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que estas actividades responden a un “compromiso ético e democrático inquebrantable” do Goberno local coa memoria. “É un deber institucional romper o silencio e reparar a dor de tantas familias. Debemos levar tamén esta memoria ás aulas. Unha mocidade informada e crítica é a mellor garantía para que a barbarie non se volva repetir”.

O 31 de outubro é o Día de Recordo e Homenaxe a todas as vítimas do golpe militar, a Guerra Civil e a Ditadura franquista en España. O Concello de Redondela organiza unha programación especial co gallo desta conmemoración co obxectivo de manter viva a memoria histórica, honrar ás vítimas e concienciar ás novas xeracións sobre a importancia da xustiza e a dignidade democrática.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sinalou que estas actividades responden a un “compromiso ético e democrático inquebrantable” do Goberno local coa memoria. “É un deber institucional romper o silencio, reparar a dor de tantas familias que foron esquecidas e, sobre todo, poñer luz sobre episodios tan escuros da nosa historia recente. Non se trata de abrir feridas, senón de pechalas con xustiza, verdade e dignidade”, afirmou a rexedora.

O acto central terá lugar este xoves, 30 de outubro, ás 19:00 horas, nas instalacións da Oficina de Turismo (Rúa Isidoro Queimaliños, 2). Baixo o título “Que pasou con Humberto Baena?”, a xornada contará co valioso testemuño de Flora Baena, irmá de Xosé Humberto Baena Alonso. O mozo, de orixe galega e tan só 24 anos, foi un dos últimos cinco executados polo réxime de Franco o 27 de setembro de 1975. O proceso que espertou unha forte onda de protestas internacionais. Durante o encontro, afondarase na loita incansable da súa familia por limpar o seu nome e reivindicar a memoria dos represaliados.

A programación continuará o luns, 2 de novembro, cun enfoque educativo e cultural. O Auditorio do Piñeiral acollerá a representación da obra de teatro “Melón Pelado!”, unha función dirixida ao alumnado do IES Chapela. Rivas incidiu na relevancia desta proposta: “A memoria histórica non pode quedar encerrada nos arquivos. Debemos levala ás aulas para que os nosos mozos e mozas entendan o valor das liberdades que hoxe gozan e o perigo que supón o esquecemento. Unha mocidade informada e crítica é a mellor garantía para que a barbarie non se volva repetir”. Esta peza afonda directamente nas consecuencias da ditadura, abordando desde a sensibilidade as vivencias das persoas represaliadas e o impacto do silencio. A través dunha linguaxe adaptada ao público xuvenil, a obra funciona como unha canle de debate sobre os dereitos humanos e o respecto democrático.

Comparte este artigo