O Concello do Porriño ultima a apertura do novo cine, o auditorio e a reforma da Praza de Pío XII

Redacción
  • O alcalde, Alejandro Lorenzo, avanzou durante o almorzo informativo de outubro, o calendario de inauguracións previsto para os vindeiros meses, así como outros proxectos importantes no municipio
  • En materia económica, tamén o alcalde anunciou que se está estudando a posibilidade de reducir o IBI e o ICIO á vivenda de protección cunha bonificación de ata o 95% para animar e apoiar a promotores e cooperativas.

O Concello do Porriño entra na recta final poñer a disposición da veciñanza novas infraestruturas culturais e de lecer. A preguntas dos xornalistas durante o habitual almorzo informativo cos medios, o alcalde, Alejandro Lorenzo, avanzou que o mes de decembro estará marcado  por unha intensa axenda de inauguracións, coincidindo coas datas de Nadal e pasado o periodo de sombra, que impide inaugurar este tipo de infraestructuras ata o 29 de novembro

Apertura do cine en Nadal

Entre os proxectos máis agardados atópase a apertura do cine municipal, que se fará en decembro e que durante ese mes, coincidiendo co Nadal,   ofrecerá programación gratuíta os venres, sábados e domingos, con proxeccións dirixidas a públicos de todas as idades, pero especialmente para a cativiada. 

Esta obra que reconverteu a antiga sala do Centro Cultural nun espazo multifuncional apto non para proxeccións- cun equipamento audiovisual de última xeneración- pero tamén para conferencias e actividades culturais. Conta cun orzamento de máis de 250.000 euros.

O equipamento audiovisual supuxo un investimento de preto de 100.000 euros subvencionado pola AGADIC da Xunta de Galicia. Esta nova sala dispón dun sistema de proxección en 4K Ultra Alta Definición, pantalla profesional de 5×3 metros con sistema de tiro directo, servidor con capacidade de 16TB e un avanzado sistema de son envolvente, que permitirá exhibir estreas de cine e ofrecer unha experiencia cinematográfica de primeiro nivel.

O Auditorio abre en decembro

A este espazo sumaráselle a estrea do auditorio municipal, cunhas obras que rematarán de xeito inminente, e que completará a oferta cultural e de eventos da localidade.O proxecto contempla unha capacidade de máis de 350 butacas, así como escenario, camerinos e instalacións técnicas axeitadas para acoller múltiples actividades culturais ao longo do ano .

A actuación supuxo un investimento de preto de 2,8 millóns de euros

O entorno de Pio XII, en xaneiro

No ámbito do acondicionamento urbano, prevese a finalización da ampliación de Pio XII, unha obra que transformará o centro do municipio permitiendo comunicar as rúas  Pío XII – recentemente humanizada-, Domingo Bueno, Ramón González e Antonio Palacios, nunha actuación estratéxica destinada á transformación e revitalización do centro urbano. Así, estase a transformar un ámbito de máis de 4.000 metros cadrados de zonas de aparcamentos e parcelas residuais, nun novo espazo verde e de convivencia que inclúe un parque cuberto ou unha gran grada que o convertirá nun auditorio ao aire libre. 

O investimento global da actuación supera os 2,1 millóns de euros, dos que máis de 1,1 millóns son achegados pola Deputación de Pontevedra, mentres que o resto foi financiado con fondos municipais.

O rexedor agarda que a obra esté rematada en novembro, a falta de acondicionar as fachadas traseiras dos edificios, que agora se convertirán en fachadas frontais. De cara a xaneiro agárdase ter tamén a obra para abrir o Centro Social a Rúa Domingo Bueno. 

A ampliación da praza conta xa con unha nova incorporación artística e urbana: a instalación “El color de la piedra”, obra do prestigioso estudio Moneo Brock. 

Sala palacios, en xaneiro

O calendario de apertura de espazos continuará o 8 de xaneiro coa Sala Palacios, cuxa inauguración se fará coincidir co nacemento do insigne arquitecto porriñés Antonio Palacios. Son, en realidade, dúas salas que estarán conectadas no exterior e que repasan a vida e obra do arquitecto. A zona expositiva ocupará uns 200 metros cuadrados de superficie cunha mostra permanente de  materiais inéditos, debuxos, planos, maquetas e documentos procedentesde fondos propios pero tamén de doacións. 

“Pretende ser o lugar de referencia para o estudo de Palacios, do arquitecto pero tamen do debuxante”, explicou Lorenzo. 

Futuras obras e RPT

Así mesmo, o alcalde adiantou que o Goberno municipal ampliará o Centro Municipal de Emprego de Torneiros para crear novos viveiros de empresas e unha sala para emprendedores. Para iso presentará o proxecto, que terá listo este mesmo mes de novembro, a fondos europeos. Estúdiase tamén instalar un espazo destas características no casco urbano.

Todo nunha intensa rolda de prensa na que se deu conta tamén da aprobación definitiva do Orzamento Municipal e, polo tanto, tamén da nova RPT do Concello do Porriño. A administración local agarda incorporar nos vindeiros meses, entre este mecanismo e a bolsa de emprego, 15 novos traballadores entre os que se atopan un técnico de medio ambiente,administrativos, persoal de intervención e urbanismo e catro novos policías locais.

En materia económica, tamén o alcalde anunciou que se está estudando a posibilidade de reducir o IBI e o ICIO ávivenda de protección cunha bonificación de ata o 95% para animar e apoiar a promotores e cooperativas.

Tamén a preguntas dos xornalistas falou das futuras licitacións, como o servizo de parques e xardíns e zonas verdes ou as futuras obras da rúa Fernández Areal. No orzamento hai tamén unha partida para reparar 11 pistas deportivas nas parroquias, as obras de Casal en Budiño, a praza de Sol, o Parque Ordóñez ou o saneamento.

A piques de empezar tamén as obras de rexeneración urbana de Torneiros.

Comparte este artigo