● Rafa Domínguez comprobou in situ a mala iluminación, os problemas de limpeza, a falta de mantemento e visualizou cos veciños numerosos vídeos de roedores presentes en diferentes zonas do barrio
● As queixas tamén proveñen polos ruídos das pistas deportivas que, pese aos cambios que se realizaron no valado por parte do Concello son agora incluso máis molestos que antes da reforma.
O presidente local e portavoz do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a concelleira Bea Rey, mantiveron un encontro coa veciñanza do barrio da Parda e puideron comprobar de primeira man o estado de abandono ao que o Goberno de Lores ten sometido a este barrio.
O problema máis grave que destacan os propios veciños é a presenza de ratas de gran tamaño que campan ás súas anchas por todo o barrio, pero con especial preocupación polo parque infantil de Maruxa Mallo, onde cada día xoga moita cativada da zona.
Domínguez e Rey denuncian que o barrio pese a ser moi novo no tempo atópase nun estado de abandono lamentable. “A falta de mantemento por parte do Concello de Pontevedra é moi evidente” indica Domínguez, non só pola presenza de roedores en todo o barrio, senón tamén pola “falta de iluminación, porque hai luminarias fundidas que non se substitúen e farois inservibles que tampouco se renovan”.
Un dos últimos contratempos que tiveron que aturar os veciños por causa das ratas foi o corte no subministro de internet logo de que os animais rillaran os cables nun dos edificios do barrio e deixasen a toda a comunidade sen acceso á rede. Foron moitos os veciños os que amosaron ao portavoz do Partido Popular de Pontevedra e á concelleira numerosos vídeos nos que as ratas se moven libremente “o que supón un problema de salubridade que non se pode permitir nunha cidade como Pontevedra”, comenta Rafa Domínguez.
“Atopámonos cun barrio que se ve descoidado, deteriorado e abandonado”, asegura Domínguez acompañado de Rey, onde os veciños se senten menosprezados polo Goberno local porque “pagan impostos igual que no centro da cidade e, sen embargo, non teñen os mesmos servizos, porque hai problemas de iluminación, faltan papeleiras, faltan desbroces e mantemento en xeral”.
Por outra banda, no parque Maruxa Mallo do barrio da Parda as deficiencias continúan a ser notables. Como xa veu denunciando o Partido Popular ao longo dos últimos anos, este espazo de xogo precisa melloras que, pese ás promesas do Goberno municipal, nunca se acaban executando. A concelleira Bea Rey, lembrou que xa en 2021 o Concello anunciou unha reforma do parque cun investimento duns 70.000 euros.
Este proxecto contemplaba, entre outras actuacións, a instalación dun novo valado para mellorar a seguridade do noiro e a substitución do peche da pista de fútbol por outro que funcionase como barreira acústica para reducir as molestias aos veciños. Pese aos compromisos, o proxecto non chegou a executarse como se prometera e o ruído das canchas é agora incluso máis molesto co novo cerramento. Tamén o chan de caucho se atopa nun estado lamentable polo que se urxe un cambio e segue fallando a accesibilidade á zona de xogo.
Domínguez e Rey insisten unha vez máis na necesidade de mellorar a limpeza e o mantemento do barrio e engaden que se atopa completamente “desatendido” por parte do Concello de Pontevedra.

