Neda activará en Viladonelle “Tecendo comunidade”, un programa de dinamización fronte á soidade non desexada

Redacción

Aberta a inscrición nesta iniciativa de participación social para maiores

O Concello de Neda porá en marcha este mesmo xoves en Viladonelle “Tecendo comunidade”. Trátase dun programa gratuíto de dinamización sociocomunitaria, que colle o testemuño de Aloumiños, buscando fomentar as relacións veciñais e previr entre a veciñanza do rural situacións de soidade non desexada. As persoas que queiran incorporarse á actividade poden inscribirse, chamando á Casa Consistorial.
A iniciativa, que se desenvolverá ata o verán no local social de Viladonelle, busca, a través de reunións semanais, a activación na vida cotiá de persoas maiores de 60 anos, fomentar o sentido de pertenza e contribución á vida comunitaria, estimular as capacidades cognitivas dos participantes, e apoiar a creación de vínculos veciñais que poidan manterse máis alá do horario das sesións.
No encontro semanal (xoves, de 10:30 a 11:30 h), realizaranse dinámicas de grupo, orientadas a que as persoas maiores, que se sumen ao programa, compartan saberes, experiencias e historias da contorna. Cada xornada de “Tecendo comunidade” será diferente, con actividades e temáticas acordes cos intereses que manifesten as persoas participantes.
Así, esta actividade de envellecemento activo, guiada por unha educadora social, incluirá ata o mes de xuño faladoiros, actividades plásticas, xogos tradicionais, paseos saudables…
“Tecendo comunidade” ofertará inicialmente 15 prazas. Para sumarse ao programa, cómpre inscribirse chamando á Casa do Concello (981380039).

Comparte este artigo