O BNG rexistra 223 emendas con participación veciñal para dar un “xiro social” aos Orzamentos de Vigo de 2027

Redacción

Chama a reorientar o uso de 30 millóns de euros tras un proceso de consulta con centos de entidades da cidade baixo tres eixos principais: vivenda, política social e emprego

Convoca un Encontro Aberto de Orzamentos Participativos este xoves 5 de novembro ás 19:30h no Hotel Occidental, após ser adiado a pasada semana polo accidente de Toledo

Xabier P. Igrexas: “Fronte ao goberno das infografías que acaban en promesas incumpridas, o BNG defendemos poñer no centro o que de verdade importa: as persoas”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de rexistrar 223 emendas parciais ao proxecto de Orzamentos Municipais de Vigo para o ano 2027. A fronte nacionalista pide reorientar o uso de 30 millóns de euros, tras unha consulta na que recolleu propostas e achegas do tecido asociativo e da veciñanza, no que destacan tres eixos principais: vivenda, política social e emprego.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, contrapuxo a “ampla e ambiciosa” batería de emendas nacionalistas cos orzamentos de Abel Caballero “elaborados sen escoitar a ninguén”. Unhas contas que cualificou como “o de sempre máis IPC” que, ao seu xuízo, reflicten a falla de proxecto do Goberno local por “insistir nunha política aparencial, de grandes anuncios e máis nada”.

Igrexas defendeu que os presupostos garantan que os “inmensos recursos” do Concello se destine a atender as “necesidades reais” das viguesas e vigueses. Nese obxectivo, o Bloque elaborou as súas emendas recollendo propostas e achegas da veciñanza e de máis de 800 entidades da cidade como asociacións veciñais, sindicatos, ANPAs, entidades sociais, comerciantes, culturais, ecoloxistas, xuvenís, comunidades de montes, clubs deportivos e diferentes plataformas.

Encontro Aberto de Orzamentos Participativos

De cara a continuar este proceso participativo dos orzamentos, a fronte nacionalista convoca un Encontro Aberto este vindeiros xoves 5 de novembro, ás 19:30h no Hotel Occidental, despois da súa suspensión a pasada semana por mor do loito oficial polo tráxico accidente ferroviario en Toledo.

“Queremos brindar a posibilidade aos movementos sociais de Vigo de se facer ouvir fronte a un Goberno instalado na xordeira autoritaria”, subliñou o portavoz municipal do Bloque, que defendeu os orzamentos como o “acordo máis importante” para definir as políticas para mellorar a calidade de vida das viguesas e vigueses.

Prioridade ás políticas de vivenda

O BNG fixou como prioridade nas súas emendas as medidas para dar resposta ao contexto de emerxencia habitacional en Vigo. Así, a fronte nacionalista pide destinar 10 millóns de euros adicionais a facilitar o acceso social á vivenda diante dun prezos dos alugueiros “insoportábeis” e da falla dun parque público.

Demanda aumentar como mínimo en 5 millóns de euros a dotación económica da Empresa Municipal de Vivenda, aínda en proceso de constitución, fronte aos “ridículos” 270.000 euros proxectados por Caballero. Aliás, propón multiplicar por seis os recursos para o programa VIVE VIGO; poñer en marcha un Plan Municipal de Axuda ao Alugueiro dotado con 2,5 millóns; e un programa de alternativas habitacionais para persoas en risco de desafiuzamento ou exclusión, por importe de 1,5 millóns.

Duplicar as axudas sociais

O portavoz municipal do Bloque salientou tamén as emendas destinadas a atender a situación de emerxencia social na cidade, onde 1 de cada 5 persoas vive en risco de exclusión social e pobreza. A ese respecto, censurou que o Goberno de Caballero queira dedicar en 2027 a axudas sociais municipais menos da metade do orzamento que para o parque temático de Nadal. “Humanizar a cidade é garantir que ninguén queda atrás”, defendeu.

Por estes motivos, a fronte nacionalista chama a duplicar a partida de axudas sociais até como mínimo os 2,6 millóns de euros. Igrexas cuestionou as “falsidades” do alcalde a respecto destas axudas cando afirma que non teñen límite, afirmando que os datos oficiais do Concello do pasado exercicio reflicten o contrario. “Non pode ser que un Concello cun orzamento de 365 millóns de euros, poida seguir dicíndolle a quen necesita axuda que non pode axudalo máis”, afeou.

No relativo a becas de comedor, libros de texto e material escolar, dende o BNG reclaman un aumento da partida proxectada polo Goberno municipal e tamén un incremento no convenio con Foanpas para a xestións dos comedores, co obxectivo de facilitar o acceso a estes recursos esenciais a un maior número de fogares. 

Promoción do emprego fronte ao paro

Outro dos eixos principais das emendas nacionalistas pasan por ampliar o orzamento destinado á promoción do emprego en Vigo, fronte a uns datos oficiais que alertan de que a cidade se aproxima ás 15.000 persoas paradas, ao avance da temporalidade e do empobrecemento dos salarios e diante da situación para unha mocidade “forzada a escoller entre desemprego, precariedade ou emigración”.

Para este fin, o BNG propón aumentar en 1,8 millóns de euros o Plan Municipal de Emprego, até un total de 3 millóns. Aliás, pide aumentar os recursos destinados ao programa de inserción laboral e recuperar o Plan de Emprego Xuvenil.

“Fronte ao goberno das infografías que se converten en promesas incumpridas, dos grandes anuncios que acaban en papel mollado e do gasto inaugurábel, o BNG defendemos darlle un xiro social aos orzamentos municipais para poñer no centro o que de verdade importa: as persoas”, resumiu Igrexas sobre as emendas nacionalistas.

Comparte este artigo