A Xunta anuncia a convocatoria da terceira edición do Premio Relato Curto de Nélida Piñón como pulo á creación literaria en galego

Redacción

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, abordou co alcalde de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubiela, colaboracións entre ambas administracións vencelladas coas materias do seu departamento. En concreto, acordaron a convocatoria, xunto coa Deputación de Pontevedra, da terceira edición do Premio Relato Curto Nélida Piñón, un certame en homenaxe a esta autora, quen estableceu importantes lazos entre a creatividade galega e a lusófona e tamén coa latinoamericana.

Neste encontro, ambos os dous coincidiron en salientar o prestixio que ten acadado este certame nas anteriores dúas edicións pola calidade dos manuscritos presentados e premiados. Cómpre lembrar que na primeira edición de 2015 resultou gañador o autor Xesús Castro Yáñez con O vello e o minotauro, mentres que na última, en 2018, foi distinguida Anatema de Daniel Asorey. Neste senso, o representante da Xunta considerou que estes certames son unha “ferramenta útil para darlle pulo á creación literaria na nosa lingua, ao tempo que para sumar lectores ao noso idioma” e inxeriu o impulso a este tipo de iniciativas entre as medidas do Plan de normalización da lingua galega.

Comparte este artigo