A Xunta oficializa as melloras da seguraidade do Camiño Primitivo coa publicación no Diario Oficial de Galicia dos treitos comúns nos que se actuará

Redacción

O proxecto require a execución dunha vintena de novos tramos ou treitos nos municipios da Fonsagrada, Baleira, Lugo, Guntín, Palas de Rei, Toques e Melide

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a publicación do acordo do Consello da Xunta do 5 de outubro, no que se aproba definitivamente o proxecto de trazado e construción de treitos comúns do Camiño Primitivo.

Coa publicación do acordo, a Xunta oficializa o novo trazado, que inclúe a construción de treitos comúns. Tras recoller o DOG o novo trazado, os concellos afectados deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto no prazo dun ano. O proxecto require da execución dunha vintena de novos tramos ou treitos nos municipios da Fonsagrada, Baleira, Lugo, Guntín, Palas de Rei, Toques e Melide.

A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a súa declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos e dos materiais  necesarios para a execución das obras, entre outros, así como para a implantación do proxecto e as modificacións que, se é preciso, se poidan aprobar posteriormente.

A Xunta de Galicia impulsa un plan de mellora da seguridade viaria nos principais itinerarios xacobeos co horizonte posto no Ano Santo 2027. A iniciativa conta cun investimento de ata 40 millóns de euros e inclúe intervencións en máis de 150 quilómetros das sete rutas principais do Camiño de Santiago. Neste marco, o DOG xa publicou tamén os trazados dos treitos comúns dos Camiños do Norte e Fisterra-Muxía.

Comparte este artigo